O Concello exprimirá as opcións para salvar a Fábrica da Luz tras o acordo entre BNG e BN no pleno

A fábrica da luz desde a avenida da Coruña

Desde que hai cousa de dous meses trascendeu que Gas Natural Fenosa pedira licenza para demoler a Fábrica da Luz da Ponte Nova, a urxencia por salvar este edificio modernista proxectado por Rafael González Villar aceleráronse. Non sen tempo, logo de anos de inactividade, como denunciaba a moción que o BNG presentou ao pleno do pasado martes, que recordaba que durante lustros a formación presentou iniciativas para garantir a conservación dun edificio singular nun entorno único sen que ningún goberno movese ficha.

Logo da defensa da iniciativa nacionalista, todos os grupos menos o PSOE loubaron no debate- que aquí podes escoitar– a pertinencia da moción aínda que BN dubidou de que o edificio poida ser expropiado, un extremo que o BNG apuntaba na exposición pero non nuns acordos “deliberadamente abertos para dar todas as opcións”, segundo explicou o nacionalista Henrique del Rio. Todos os grupos apoiaban esgotar as vías de negociación coa empresa propietaria, se ben o PSOE negábase a apoiar o relativo a dispoñer fondos nos orzamentos municipais para, de ser o caso, adquirir o inmoble e rehabilitalo como centro sociocultural.

BN propuxo unha emenda aos acordos propostos polo BNG, incluíndo un novo punto para  suspender o procedemento de concesión de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición neste ámbito, a fin de estudar a modificación das normas subsidiarias para a catalogación deste singular edificio modernista. O seu voceiro, Hipólito Pérez, experto en dereito urbanístico, indicou que era a primeira medida a adoptar para non ter que dar a Fenosa a licenza de derrubo da fábrica.

O entendemento entre BNG e BN obrigou ao PSOE a mudar a súa posición. O concelleiro de Urbanismo anunciara o seu voto en contra por negarse a introducir fondos no orzamento para a eventual adquisición da fábrica modernista. Antonio Vázquez Lorenzo remitiuse á Xunta, dado que este ano solicitaron a inclusión do inmoble no catálogo do patrimonio cultural, se ben cuestionou que se presentase novamente un asunto “recorrente” ao pleno. “Vostedes están a favor de todo menos de facer algo efectivo”, ironizou o edil nacionalista, forzando ao alcalde a rectificar a posición do seu grupo e suavizar a intervención do voceiro do PSOE.

O alcalde,  Ramón García, desvelou no pleno que a empresa propietaria dos terreos non atendeu durante os últimos anos aos seus requerimentos dunha reunión para negociar unha solución. Asegurou que desde 2015 solicitou en varias ocasións que se tomasen medidas ante o deterioro do edificio e que a empresa só accedeu a limpar a contorna e a tras interceder un terceiro.

O actual planeamento urbanístico, a revisión das normas subsidiarias de 1996, proxecta nesta unidade de execución unha edificabilidade de 8.700 metros cadrados. Unha sentenza anulou o estudo de detalle promovido pola división inmobiliaria de Unión Fenosa hai anos, por entender que non se axustaba á normativa de Costas e posteriormente o Plan de Ordenación do Litoral e mais o de zonas inundables limitaron aínda máis as posibilidades do predio. Porén, o Plan Xeral do goberno local incluía, ata a súa última versión, a promoción na finca coa desaparición da fábrica modernista.

A Corporación leva anos aprobando iniciativas sobre a protección deste inmoble. En febreiro de 2017, á fin, o goberno local presentou ante a Xunta unha solicitude para incluír a fábrica da luz, xunto á curtidoría da Madalena, no catálogo do patrimonio industrial de Galicia, cumprindo varias mocións de 2015, do BNG e de BN. En base a esta solicitude, o goberno local anunciou que confiaba en poder frear a licenza de demolición. O acordo do pleno suspendendo as licenzas no entorno da fábrica, grazas ao entendemento de BNG e BN, permite automaticamente xa non acceder ao derrubo do edificio.

Advertisements