O goberno local critica á Xunta por demorar licenzas pola protecion do Camiño Inglés

Igrexa de San Martiño de Tiobre, no Camiño Inglés

O goberno local emitiu un comunicado criticando a demora da Xunta á hora de informar as licenzas de obra no entorno de protección do Camiño Inglés, que están catalogados e restrinxen o tipo de actuacións. O executivo do PSOE asegura que “comparte o malestar de moita da súa veciñanza polo atraso que acumulan as autorizacións ou licenzas solicitadas por particulares para realizar algún traballo dos catalogados como obra menor en inmobles que, pola súa situación, están dentro dalgunha zona de influencia”.

Segundo o goberno local obras como un pintado ou o cambio dunhas xanelas “resulta de xeito evidente inexplicable” que se tarde seis meses en autorizar. “Este atraso trae consigo un importante prexuízo para as persoas propietarias e para as empresas contratadas para realizar os traballos” aseguran criticando que “algúns destes traballos só poden realizarse durante o verán”. Denuncian que este problema tamén o padecen as administracións locais que ven tamén como “algúns proxectos acumulan atrasos á espera de recibir os informes perceptivos” criticando que o Concello teña que pedir autorizacións sectoriais aos organismos encargados de velar pola conservación da costa, o medio ambiente, a auga, as estradas e ferrocarrís, etc. Asegura o alcalde que os servizos técnicos municipais ben poden facer un “control exhaustivo” do grao de “cumprimento das normativas tanto das obras públicas como privadas” e demanda que Xunta e FEGAMP busquen un acordo neste sentido.

Advertisements