O alcalde de Miño arremete contra todos tras ter que anular outra vez a limpeza das praias

Ricardo Sánchez Oroza, alcalde de Miño, o día da presentación da súa candidatura

O alcalde de Miño arremeteu contra empresas e a oposición tras ter que anular outra vez o procedemento para contratar a limpeza das praias e iniciar a tempada alta estival sen el. Para Sánchez Oroza, a culpa de agardar ao último minuto para sacar a licitación o servizo por primeira vez e os erros que anularon dúas veces o contrato que pretendía sacar adiante negociado e sen publicidade non son culpa do goberno que preside. Se acaso son supostas “medidas de presión” de empresas “cunha forte vinculación social no municipio” que optaron de “motu propio” por “non presentarse ao proceso de contratación” porque “pretenden condicionar a xestión municipal para recuperar certo estatus do pasado”.

Sen dar nomes pero apuntando claramente a “determinadas empresas” de “utilizar o emprego de moitos miñeses como arma arreboladiza para obter o beneficio persoal”, o alcalde insinúa que un desencontro con Vázquez Garzón está detrás do colapso da limpeza dos areais. Reta a “calquera empresa que considere que o Concello de Miño ten unha débeda con ela froito de acordos alcanzados en anteriores mandatos a que presente a documentación necesaria” e dá a entender que todo o lío ten relación co contrato menor para a recollida do lixo en Costa Miño Golf, que ata agora realizaba esta empresa pese a que non estaba incluído no prego.

Acusa tamén aos seus socios do PP, aos que debe a cadeira, de actuar contra o executivo e denuncia a “falta de transparencia exercida no pasado” que, di, “levou ao concello á actual situación de precariedade en servizos como a recolleita de lixos en Costa Miño ou a limpeza de praias”.

O proceso de contratación do servizo espertou críticas desde o principio. Tanto PSOE como BNG criticaron a “privatización” e lamentaron tamén a “falta de planificación” ao agardar ata mediados de xuño para iniciar os trámites. Para eles tamén ten dardos o rexedor, que asegura que todo sae adiante en Miño “a pesar da oposición do Psoe de Miño e os seus novos socios”, en alusión aos nacionalistas, por cuestionar este proceder.

Advertisements