Oroza alardea de xestión pola bandeira azul de Perbes e o nacemento dun año en Costa Miño Golf

Sanchez Oroza e Veiga-líder do PP- diante dun dos ‘chiringuitos’ que presentaron

Co concello nun lío por ter que devolver sen adiamentos o crédito de 12 millóns de euros para pagar aos expropiados de Fadesa, co contrato de limpeza de praias bloqueado por segunda vez, co plan de rescate enriba da mesa e coa desesperación de arremeter contra os elementos, Ricardo Sánchez Oroza trata de vender os éxitos da súa xestión.

Onte publicou, xunto ao seu tenente de alcalde e predecesor Jesús Veiga, nas redes sociais fotos do izado da bandeira azul en Perbes. O municipio só conserva dous dos tres distintivos dos que presumiu durante anos tras quedarse por segundo ano consecutivo sen a bandeira azul en Praia Grande a causa da falta de socorristas e servizos complementarios. As bandeiras azuis non teñen nada que ver coa calidade sanitaria das augas de baño.

E para presumir de xestión, fotografado xunto cun año, o rexedor asegura que o plan de ecopastoreo para ter a raia as silveiras dos solares de Costa Miño Golf “comeza a dar froito”. Porque naceu un año. “E houbo festa de Entroido. E houbo presupostos 2017. E houbo festas de San Pedro en Miño. Tamén hai limpeza de praias, socorristas, zona ora, limpeza de baños en praias, e bandeiras azuis. Hai goberno en Miño e tamén hai xestión” resume o executivo de MPA e PP no facebook oficial do Concello.

Advertisements