Salvador Naya pregoará a XX Feira Franca

O goberno local e o comité organizador na presentación da XIX Feira Franca Medieval

O goberno local presentou onte a XX edición da Feira Franca, que terá coma pregoeiro ao vicerreitor da Universidade da Coruña Salvador Naya, coautor do estudo Betanzos, magic town. Entre as novidades desta edición desde o executivo salientan a recuperación da danza dos nobres, que se escenificará o venres coincidindo coa entrada na cidade do señor de Andrade. Únese ás danzas de campesiños/as e mouros/as que xa estaban incorporadas no programa. Xunto a esta danza, outra das novidades desta edición é o levar representacións a distintas rúas onde se desenvolve a feira e que non estivesen centradas unicamente na praza da Constitución. Con este obxectivo cambiouse a cetraría para a rúa Nova e déixase libre o adro de Santa María para representacións.

Tamén se modifica a localización de actividades na praza dos Irmáns García Naveira, á que pasa o “recuncho” infantil despois do éxito do pasado ano. Ampliarase o número de xogos, mentres que no cantón Claudino Pita destinarase ao campamento medieval. O primeiro edil explicou que a feira betanceira é hoxe en día unha “referencia non só a nivel provincial, senón rexional e mesmo a nivel nacional, polas solicitudes que cada ano nos chegan para participar nela e que xunto ás festas de agosto fan que Betanzos sexa uns dos polos de atracción de milleiros de persoas durante lestes meses”. O alcalde destacou precisamente que esa atracción de miles de persoas repercute na cidade “na súa economía, non comercio, na gastronomía, na hostalaría…”. Neste sentido, comentou que no que respecta ao Concello, o orzamento da edición deste ano roldará os 75.000 euros dos que o Concello conta con recuperar uns 60.000 euros en ingresos.

En cifras, a feira contará con 135 postos de venda e unhas 150 persoas voluntarias para as representacións a maiores do medio centenar de persoas que velarán pola seguridade e que se preocuparán pola organización desta, entre Policía Local, Protección Civil, bombeiros, Cruz Vermella e servizos municipais. Canto ás rúas, os postos instalaranse polas zonas habituais, isto é: a porta da Vila, rúa do Castro, a praza da Constitución; Santiago, Roldán; Pescadería, a praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María, e San Francisco, segundo indicou o alcalde, Ramón García Vázquez.

Os actos previos da feira comezaron coa inauguración dunha exposición de Luís Galán sobre os carteis do vinte edicións da feira: “Feira Franca, 20 anos, 20 carteis”, e continuarán o mércores co ciclo de concertos de música antiga na igrexa de San Domingos a partir das 20:30 horas. O primeiro concerto co grupo Medievarte, o segundo co Coro Gaos. O xoves tamén se celebrará a visita guiada “O medievo para os/as nenos/as”, desde as 11:00 h para nenos entre 4 e 12 anos, na que coñecerán aspectos da Betanzos medieval.

Advertisements