Denuncian o deterioro das pasarelas de madeira para acceder ao areal de Miño Grande

Estado de deterioro do pasadizo

O BNG denunciou o mal estado de mantemento en que se encontra a praia grande e a falta de previsión nos servizos asociados a esta praia. “A pasarela de madeira da praia grande, encontrase nun estado lamentábel, e resulta bastante perigosa con puntas oxidadas e táboas levantadas nunha zona onde a xente vai descalza e xogan moitas crianzas”, explicou a portavoz do BNG, Olalla Barro. Desde o BNG reclamaron ao goberno local que faga o mantemento necesario á pasarela e a zona da praia para evitar estes riscos.

“A xestión da praia está sendo desastrosa, cun servizo de limpeza da praia en precario despois de 2 recursos sobre o proceso de privatización a través dun contrato negociado sen publicidade, para adxudicar a dedo que se convocou tarde, mal e a rastro”, criticaron desde o BNG.

“A calidade das augas, aínda sendo mellor que noutras praias da Ría, segue empeorando cada ano sen que desde o Concello exista unha preocupación polo tema. Esta situación é máis grave despois de que o ano pasado se prohibise o baño na praia de Perbes en dous momentos no verán debido aos vertidos”, indicaron desde o BNG.

As nacionalistas explicaron tamén que os problemas de aparcamento que se están producindo empeoran a situación da praia e anunciaron alegacións á ordenanza da ORA que está en período de exposición pública. “Non é de recibo que a veciñanza e visitantes que acoden á praia teñan que pagar por aparcar e aínda enriba esperar colas de 45 minutos pola falta de previsión do goberno local”, criticaron. “Nos seguimos defendendo que se suprima a ORA que só trae problemas e gastos a veciñanza e que, como recolle o propio informe de intervención vai supor un gasto de aproximadamente 10 mil euros para o concello. É surrealista que gastemos porque nos cobren por aparcar en terreo público e aínda enriba teñamos que esperar máis de media hora”, concluíu Barro.

Advertisements