O BNG lamentou a negativa do goberno de Oza-Cesuras a manter a area recreativa de Rebored0

Area fluvial de reboredo en Oza dos Ríos

O BNG lamentou a postura do goberno local de Oza en contra de facer o mantemento preciso na area de lecer de Reboredo. “Trasladamos esta mañá de novo a situación ao Pleno do Concello e sorprendentemente o Partido Popular votou en contra de facerlle o mantemento preciso a un area de lecer moi utilizado pola veciñanza e financiado con cartos públicos”, criticou a portavoz nacionalista, Estefanía Busto.

“Lamentamos que con esta postura o goberno do PP se negue, unha vez máis, ao mantemento desta zona, que sen dúbida é un dos maiores atractivos do noso concello”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG. “Enterámonos a través dos medios de comunicación de que o concello solicitou á Xunta que dea de baixa a área de Reboredo das zonas de baño habilitadas, alegando episodios de contaminación, dos que tampouco fomos informadas, é por iso que demandamos toda a información ao respecto”, engadiu Busto.

Captura de pantalla do web Turismo de Galicia coa información sobre a área de Reboredo

O alcalde escusou no Pleno esta posición dicindo “que non é unha area de baño porque non se pode nadar no rio que non hai profundidade”. “Parécenos lamentábel que non se nos dea explicación ningunha da calidade da auga nin dos vertidos e se poña á veciñanza esta escusa por non buscar solucións a esta zona”, criticou a portavoz do BNG.

“A pesar dos investimentos realizados pola Deputación a zona non presenta un bo estado de conservación aínda que desde o BNG xa reclamamos en anteriores ocasións un correcto mantemento para este lugar”, engadiu Busto, “este ano, de novo xa no verán non se realizou ningunha actuación para manter a zona de recreo acondicionada, despois de todas estas actuacións e investimentos é inadmisíbel que o goberno local do PP renuncie a este espazo” concluíu a portavoz nacionalista.

Advertisements