Protagonistas da Idade Media en Betanzos: dona Urraca Vermúdez

O Mosteiro de Donas

Poderosos gremios que marcaban o devir da cidade, rexedores e correxidores, nomes senlleiros das Letras, cabaleiros, heroes, precursoras… A Idade Media en Betanzos foi moito máis que a lenda do tributo das cen doncelas e a poderosa familia dos Andrade. Xornal de Betanzos inicia un percorrido esta semana de vésperas medievais sobre algunhas das figuras da Idade Media máis esquecidas da nosa cidade. Facémolo cunha muller poderosa, e completamente descoñecida, que, malia iso, co seu título dá nome a un dos barrios máis novos da cidade: a Condesa.

Condesa sería, por dereito de berce, Urraca Vermúdez. Ou Bermúdez, que das dúas maneiras aparece nos tombos e rexistros xenealóxicos. Remontámonos nada menos que a 1138, cando Vermudo- ou Bermudo- Pérez de Traba, fillo do poderoso Pedro Froilaz, conde de Traba, princeps Gallaeciae e aio do rei galego Afonso VII- posteriormente rei de León e Castela co mesmo numeral- reconstrúe o mosteiro de San Paio de Xenrozo. Tal mosteiro, berce e casa do arciprestazgo de Xanrozo, é o das Donas ou das Cascas, o edificio en pé máis antigo de Betanzos.

Bermudo herdara a metade deste mosterio do seu pai Pedro Froilaz e o rei Alfonso VII devolveulle a outra metade que recibira de Pedro Froilaz para que Bermudo posuíse toda a propiedade. Bermudo e a súa dona, Urraca Enríquez, infanta de Portugal, reconstruíron o Mosteiro das Donas, dúplice nos seus inicios, e donárono á súa filla Urraca a Maior, que entrou monxa e rematou como abadesa deste cenobio, que posteriormente pasaría ás mans do mosteiro de Sobrado, onde a Casa de Traba, a máis poderosa de Galicia, tiña o seu panteón familiar.

Urraca Bermúdez rexiu como abadesa o mosteiro de Donas ata o seu pasamento, ampliando a donación familiar e gobernando as súas terras, rendas e tributos. Entre eles, os da aldea das Cascas que medrou en torno ao convento e  á ponte medieval do Mendo, no camiño de Santiago, onde andando os séculos os frades bernaldos tiveron tamén capela antes de xestionar a do propio mosteiro. Foi o último alcalde-correxidor de Betanzos, Antonio María Varela e Varela, quen comprou o Campón das Cascas e os restos do mosteiro ao Estado tras a desamortización, por 800 000 reais.

O mosteiro foi derrubado ao abrir o camiño da estación de Infesta. Sobre a capela ergueuse un palacete modernista, tamén desaparecido, e o resto, que funcionou un tempo como vivendas particulares, continúa o seu proceso de deterioro. Sobre a á esquerda do que queda en pé o actual goberno local habilitou un aparcamento contribuíndo á decadencia do máis antigo dos edificios en pé da nosa cidade, que sonou para albergar igrexa para o novo barrio da Condesa – sen rúa nin praza nel- e mesmo para acoller peregrinos a Compostela.

Advertisements