O goberno local gastará cen mil euros en cambiar outra vez o firme diante dos Soportais

A obra das polémicas terrazas do Campo volverán custar cartos aos betanceiros

Entre o contido do orzamento aprobado a finais de xuño, o goberno local insistía en que hai unha partida de cen mil euros de investimento propio para actuacións no Casco Histórico, que PP e BNG dubidaban de que fosen para iso ou outra cousa porque ían “sen determinar”. Aos dous días de aprobarse inicialmente as contas apareceu a “determinación” deses fondos: serán para volver a cambiar, outra vez, o pavimento ante os Soportais do Campo.

O goberno local anunciou que investirá 100 000 euros na substitución do pavimento na rúa dos Ferradores. O obxectivo, segundo indicaron desde o goberno local, é evitar que cada certo tempo haxa que facer reparacións no actual pavimento de chapacuña de lousa. O goberno do PSOE sostén que nos últimos anos gastou en diversas reparacións neste firme, instalado polo goberno do PP que presidía María Faraldo co prace dos servizos técnicos municipais, máis de 70 000 euros. Indica que nas sucesivas reparacións foron variando os formigóns e pegamentos usados para buscar unha solución aceptable, que non apareceu.

Agora cambiarase a lousa por laxes de granito de 15 cm de espesor para o paso dos vehículos e evitar o continuo levantamento das pedras, como actualmente acontece. Aproveitarase para mellorar a recollida de pluviais, moi deficiente xunto ás polémicas terrazas. O entronque coa rúa da Fonte de Unta, que ten este mesmo pavimento, será tamén modificado con cargo a este proxecto.

A actuación supoñerá cortes de tráfico, xa que a rúa dá servizo aos residentes e negocios da rúa dos Ánxeles e aos que desde a Cruz Verde acceden ao barrio de Bellavista. Segundo o goberno local, tratarase que os traballos teñan a menor afección posible á circulación viaria. O goberno local non informou de prazos para esta actuación e de feito omite calquera tipo de información no web municipal, tanto no apartado de novas- onde esta nova non figura- como no de transparencia- non informa sobre o proxecto concreto que, segundo publicou La Voz, ten xa ata planos pechados.

A polémica reforma do Campo emprendida por María Faraldo desde a Alcaldía con fondos do FEIL- o plan anticrise do goberno Zapatero que o PP criticaba sen parar- segue custando aos betanceiros anos despois de que en 2009 arrincasen os traballos diante dos Soportais. Aos 545 000 euros desa obra habería que sumar, pois, os 70 000 euros das diversas reparacións cuantificados polo goberno local e os 100 000 euros desta nova actuación. Só no relativo á actuación na rúa dos Ferradores irían xa 715 000 euros gastados desde 2009.

Advertisements