O goberno local omite tamén que o amaño de pontes e do lavadeiro é financiado pola Deputación

O lavadoiro das Cascas estase amañando con fondos da Deputación

Nunha liña que xa se ten convertido en norma no referente ás obras que financia a Deputación Provincial dentro dos plans de obras que cada ano convoca en cooperación cos concellos da provincia, o goberno local de Betanzos volveu omitir estes días que é o ente provincial quen sufraga o amaño das pontes peonís de madeira do noso municipio. Nun comunicado de prensa o goberno local anuncia que “ultima as obras de mellora de distintos equipamentos públicos como pontes, pasarelas e varandas da cidade a través dun proxecto no que se invisten algo máis de 91 000 euros e que inclúe a ponte de madeira do Malecón situado sobre o río Mandeo; a ponte de madeira do Pasatempo situado sobre o río Mendo; a zona peonil das Cascas e acceso ao Lavadoiro Municipal nas inmediacións do río Mendo e a zona peonil do Paseo da Tolerancia ao bordo do río Mandeo”.

Todos estes traballos están financiados co Plan de Obras (POS) e o Plan de Acción Social (PAS) da Deputación provincial correspondente ao pasado ano. O executivo local detalla os traballos de cambio de tella no peirao das monxas, o amaño do lavadoiro das Cascas e a reparación das pontes de madeira do Frade e o Xuncaliño, sobre Mendo e Mandeo respectivamente, dando a entender en todo momento que é o propio Concello quen financia estes traballos.

Ocultar a achega provincial foi unha estratexia do goberno local do PSOE na anterior lexislatura, cando gobernaba o ente provincial o PP. Desde maio de 2015 a Deputación está gobernada por unha coalición de PSOE e BNG, mais o goberno local continúa evitando recoñecer as aportacións provinciais, tratando de facer ver que os investimentos proceden das propias arcas municipais e disimular así a denuncia de PP e BNG de que no último orzamento o investimento é practicamente só o POS. Que a área que xestiona os plans de obras, Cooperación cos Concellos, estea dirixida por un deputado do BNG pode ser outra causa do proceder do goberno local. En todo caso, as bases dos distintos plans obrigan a publicar as aportacións da Deputación, polo que a actitude do goberno local podería deparar desagradables sorpresas.

 

Advertisements