Seis elementos medievais que se perderon pola desidia do goberno do PSOE

Imaxe parcial do aspecto que ofrece o Casco Histórico

A volta ao medievo será a norma en Betanzos durante a segunda fin de semana de xullo. Voltarán trobadores e donas, frades e nobles a saír ás rúas desde os seus sartegos, mais o decorado sobre o que transiten é, cada ano que pasa, máis pobre. Elementos singulares, edificios únicos e patrimonio material e inmaterial pérdense desde que hai vinte anos Betanzos viaxa ao pasado e desde que hai máis de trinta o actual goberno local ocupa o poder. En boa parte delas, ademais, o actual alcalde, Ramón García (edil desde 1987), desempeñou importantes tarefas como concelleiro de Obras ou Medio Ambiente. Durante ese tempo algúns bens senlleiros do noso municipio pasaron á Historia para sempre, pero por ter desaparecido ou acabar tan desfigurados que é imposible xa recoñecelos.

A progresiva destrución da muralla

Imaxe de arquivo do tímpano da Porta do Cristo

Betanzos caracterizouse por estar fortemente amurallada, téndose constancia de dous recintos amurados diferentes desde que se trasladou desde Betanzos o Vello en 1219. Probablemente o primeiro fose incluso o castrexo orixinal, aproveitado pola encomenda templaria situada no solar que ocupou San Francisco. A que chegou a nós foi restaurada en tempos dos Reis Católicos, din os estudosos. Chegaron a nós tres portas e un postigo e distintos panos. Cada un ten a súa historia particular: na praza de Domingo Etcheverría apareceu unha torra ao demoler unha casa para levantar unha nova. Volveuse tapar. No Valdoncel o cronista denunciou o demoucado da torre xunto á Porta do Hórreo sen que o goberno local impedise o que alí se fixo, e mais recentemente este historiador e o BNG denunciaron o demoucado doutra torre na mesma rúa para acabar como terraza dun edificio rehabilitado. Non hai actuacións do executivo local para repoñer a centenaria cerca ao seu estado e mesmo cando actúa sobre ela para rehabilitala, como a recuperación do tímpano da Porta da Ribeira- demandada durante anos polos nacionalistas- o executivo non evita o seu deterioro e perda de elementos singulares. Denunciouno tamén o cronista no seu web.

A Madalena e Os Xudeos, desfigurados

Se á muralla lle acontece todo isto, estando no centro da cidade e na zona máis visitada, outro tanto aconteceu con dous barrios medievais extramuros. A súa condición de ghettos orixinal pareceu perseguilos como unha maldición. A leprosaría da Madalena languidece, pegada ao camiño da Condomiña, e cercada por bloques de pisos.

O urbanismo depredador levouse por diante todo o barrio xudeo de Betanzos, nas rúas Cruz Verde, Xudeos e adxacentes. Derrubou a porta nas escaleiras que lle dan acceso desde os Ánxeles, pechou esa rúa ao río con bloques de nova construción e substituíu casas de balcón mariñán e característicos calexóns interiores por vulgares bloques de pisos. A decisión de rehabilitar agora o vello pasadizo cara a Estrada de Castela e abrir unha praciña no final do barrio, en Bellavista, chega só para ver a aberración cometida nas pasadas décadas.

 

Asedio e derrubo do edificio máis antigo da cidade

O Mosteiro de Donas

O de Santa María das Donas, ou das Cascas, é o mosteiro máis antigo da cidade e o edificio en pé máis vedraño que se conserva. Aínda que dicir en pé ven sendo case un exceso. Da planta orixinal quedan apenas as dependencias auxiliares cun patio con dous arcos de acceso. A capela foi derrubada hai décadas para construír un palacete colonial que tamén foi vítima da piqueta para construír bloques de pisos. Sobre as súas dependencias e patios abriuse unha estrada no franquismo que ben podía derivarse uns metros e respectar o antigo cenobio fundado pola poderosa  Casa de Traba, a familia real galega.

Outro tanto aconteceu coa aldea das Cascas, que medrou ao seu carón orixinada nos criados e encomendeiros do cenobio. Apenas o rueiro recorda que foi un aglomerado medieval extramuros, substituídas as casas baixas por edificios de pisos sen orde durante as décadas do urbanismo descontrolado. A estampa da ponte medieval das Cascas rodeada de edificios pegados ao río é abondo elocuente.

A Casa Gótica como exemplo do Casco Histórico

Solar que ocupaba a Casa Gótica do rexedor Lopo García de Vilousaz

O da Casa Gótica, a vivenda máis antiga da cidade, é o icono perfecto da situación do Casco Histórico en xeral. Logo de presentarse ás eleccións prometendo expropiar e reconstruír a Casa Gótica, o goberno do PSOE mantén o predio tal como o legaron os catro anos de mandato do PP: valado de obra e, no interior, ademais de broza, presuntamente as predras da fachada numeradas para volver levantala. Así segue anos despois e nun exercicio de damnatio memoriae o goberno local borrou do web municipal toda referencia ao edificio.

Pero a situación é a mesma no resto da acrópole se prescindimos das igrexas e os edificios públicos. O proceso de ruína acelerada do Casco Histórico prosegue desde hai tres décadas sen tratar de poñerlle freo. O retorno do estacionamento ás rúas e prazas marcadamente comerciais e peonís imposto polo goberno local é outro paso nunha política que non repara na singularidade única deste entorno.

O xoguete dos capiteis do claustro franciscano

O goberno local pretendeu amosar o seu celo na conservación do patrimonio reclamando a devolución dos capiteis do claustro oxival de San Francisco, depositados nunha vivenda particular desde que a comezos do século XX se abriu a rúa dos Cabildos polo medio do cenobio mendicante. Pretendía reconstruílo ou depositalo no museo, segundo un artigo no Anuario Brigantino de Erias. Hai rúas enteiras pavimentadas con restos do mosteiro, recoñecibles e identificados. E hai restos de sepulcros en xardíns particulares a escasos metros da igrexa franciscana, como ten documentado Erias. Máis dun ano despois, non trascenderon avances nas “conversas” que o goberno anunciou co boato das grandes solemnidades.

O patrimonio soterrado

Restos de torres e alicerces en obras particulares, aparición de canalizacións tardomedievais en obras públicas ou os famosos e lendarios túneles da cidade son tamén patrimonio medieval que asoman de cada tanto nos medios de comunicación. Porén, non hai os vitrais empotrados que noutras cidades amosan os vestixios do pasado por ningún lado nin o Concello divulga no seu web os túneles e para que serviron nin ofrece imaxes. O pouco que hai débese a asociacións privadas.

O patrimonio inmaterial: danzas gremiais e coca

As danzas de mariñeiros a carón do Matadoiro. Imaxe de http://www.betanzoshistorico.com

Catro danzas medievais gremiais chegaron á actualidade: a de arcos dos mariñeiros, a de espadas dos labradores, a de palillos dos zapateiros e a de cintas dos xastres. Algunhas das máis que debeu haber, pois na relación faltan outros poderosos gremios da cidade. Só dúas se coservan agora, mariñeiros e labradores, en mans de asociacións particulares que miman este patrimonio para que non desapareza. Foron asociacións quen as tiveron que recuperar, indagando en arquivos, malia ter o Concello unha Escola Municipal de Folclore. Semella que aquela orde de comezos de 1700 de substituír as danzas gremiais e a coca do Corpus por unha Semana Santa máis ortodoxa aínda impregna a actuación do goberno local varias centurias despois.

A coca, devida en simple dragón e desprovista de simbolismo, sácase a eito nos desfiles das festas sen ter presente a súa orixe, simbolismo e tradición. Xa fora recuperada por un colectivo tras as indagacións do actual cronista.

O patrimonio inmaterial, como non é tanxible, cae antes. Pero sen memoria do que fumos deixaremos de ser quen somos.

Advertisements