Excarceran a unha muller tras precipitarse por un noiro co seu coche en Oza

Parque comarcal de bombeiros de Betanzos

Unha muller sufriu onte un aparatoso accidente cando transitaba co seu vehículo pola estrada AC-840, á altura de Oza-Cesuras ás oito da tarde de onte. Por causas que se descoñecen, a muller perdeu o control do seu vehículo, que se saíu da vía e quedou envorcado sobre un lateral. O coche quedou nunha situación moi inestable, ao bordo dun noiro duns catro metros de altura e con risco de precipitarse ao patio dunha vivenda.

Os bombeiros do parque comarcal de Betanzos tiveron que dedicar case unha hora a excarcelar á condutora, porque como paso previo víronse obrigados estabilizar o vehículo, afastalo do noiro para evitar que se precipitase ao patio da casa. A muller permaneceu consciente en todo momento e, unha vez rescatada do interior do vehículo, foi trasladada por unha ambulancia do 061 ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Foi un particular o que deu a alerta ao 112 ao redor das oito da tarde. A central de urxencias desprazou á zona aos bombeiros de Betanzos, Urxencias Sanitarias 061 e Garda Civil de Tráfico, que investiga os motivos do accidente.

Advertisements