Hoxe remata o prazo para presentar alegacións á ordenanza da ORA e o aparcamento no Casco Histórico

Coches aparcados na praza de Santa María, un dos lugares onde se propón instaurar o Parking exprés

No día de hoxe rematará o prazo de 20 días de consulta previa para a nova ordenanza reguladora da ORA, que introduce o controvertido parking express nas principais rúas e prazas comerciais do Casco Histórico, actualmente peonís. O proxecto do goberno local aínda pode recibir ao día de hoxe cantas apreciacións queira facer a veciñanza no web municipal a través deste formulario. Este proceder é unha esixencia legal, que obriga a someter a esta consulta previa todas as normas xurídicas, aínda que tanto o PSOE coma BN pretenderon facer ver que era unha aposta do executivo local pola participación cidadá.

O documento que o goberno local expón é o que trasladou nunha xuntanza hai tres meses á oposición nunha xunta de portavoces, para dar conta do que pretendía facer logo de non renovar tacitamente a concesión da ORA. Esta nova normativa, que regulará por primeira vez o parking exprés do centro histórico, foi publicada polo BNG no seu portal web para informar á veciñanza dos cambios que o PSOE introducía “unilateralmente” na mobilidade da zona monumental, segundo informaron nun boletín remitido a todas as casas.

A norma recolle os cambios que o goberno local pretende realizar na normativa en vigor, incluída a ampliación da ORA a algunhas zonas da cidade. A ordenanza prevé 151 prazas de zona azul- ORA, de pago- en Praza Alfonso IX, Rúa Rolo, Doutor José Fariña, Avenida Jesús García Naveira, Pintor Seijo Rubio, Frade, Venezuela, Profesor José Antonio Míguez, Cascas e Praza Padre Francisco Blanco. Poderase estacionar na mesma rúa un máximo de cinco horas e manterase o horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
O executivo pecha así a porta á xestión directa, dado que delega nunha concesionaria a prestación do servizo. Entre outras obrigacións, a empresa deberá implantar un dispositivo que permita anular as multas da ORA durante as tres horas seguintes á súa imposición.

A normativa regula por primeira vez o parking exprés no centro histórico, a denominada zona vermella. O borrador da ordenanza prevé 56 prazas, repartidas nas rúas San Francisco (6), Azougue (4), Travesa (9), Pescadería (2), Nova (9), Pérez Andrade (8), Santiago (7), Castro (8) e Prateiros (3). O Concello propón instalar estacionamentos gratuítos de alta rotación no que só se poderá aparcar durante 45 minutos.

O goberno do PSOE pretende convertir este estacionamento irregular en algo autorizado

O calendario imposto polo goberno local relegou esta norma ao mes de xullo, para evitar o custo político de tomar unha decisión sobre a mobilidade no Casco Histórico, un debate que as forzas que sustentan o executivo local levan anos postergando. O que non quere dicir, nin moito menos, que non teñan xa unha decisión tomada ao respecto, como puxo de manifesto a adquisición de cámaras para vixiar o Casco Histórico dentro dos plans que financia a Deputación.

Segundo recolle a memoria valorada, este sistema afectaría as rúas Roldán, Castro, Travesa, Azogue e ás prazas da Constitución, Fernán Pérez de Andrade e Prateiros. As cámaras detectarán a entrada e saída dos coches, calcularán o tempo que permanece estacionado e emitirán un aviso no caso de que supere o tempo establecido para a zona. O sistema de control de tráfico dispoñerá dunha base de datos coas matrículas dos vehículos estacionados e un dispositivo para detectar os coches mal estacionados.

O BNG chama a alegar contra a norma para defender o Casco Histórico e o resto dos partidos evitan o debate

“MetroBetanzos” presentado polo BNG dentro das alternativas ao parking express

O BNG, o único partido da Corporación que defende sen ambigüidade a peonalización da zona monumental para potenciar os seus puntos fortes, animou á veciñanza a presentar alegacións á ordenanza da ORA e o parking expres. As nacionalistas puxeron a dispor da veciñanza dous pregos para descargar, en función de se queren amosar o seu rexeitamento ao estacionamento nas rúas e prazas peonís do Casco Histórico ou se queren facelo contra a zona azul de estacionamento de pago.

“Estamos convencidas de que só os Cascos Históricos que priman as persoas sobre os coches e restrinxen o acceso rodado conseguen recuperar pulso e vitalidade”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Os nacionalistas chaman á veciñanza a “defender o maior activo patrimonial de Betanzos”. “É o que nos fai diferentes en todo o país, é o que marca a diferenza na área metropolitana e, polo tanto, non se pode pretender que se poida facer o mesmo cá en calquera rúa de calquera cidade-dormitorio da Coruña nunha praza que condensa as xoias do gótico galego”, explica Del Río.

O BNG xa ten presentado un proxecto alternativo para regular a mobilidade peonil no Casco Histórico, garantindo zonas de servizos, de aparcamento para residentes, clientes do comercio e visitantes, en función das súas distintas necesidades. Aparcamentos disuasorios con mapa coas distancias en metros e minutos aos puntos de interese, cambios de sentido de rúas e aparcamento no estacionamento soterrado do Campo para a clientela do comercio son algunhas das alternativas.

Un parquímetro da ORA no centro de Betanzos

Neste sentido, tamén propoñen suprimir a zona azul de aparcamento de pago, polo seu carácter meramente recadatorio. “Hai sistemas gratuítos que garanten a rotación no aparcamento nas rúas do centro e así os cartos que se leva a empresa quedan nos petos das persoas e no comercio local”, explican. Insisten en que a ORA é inxusta porque cobra por estacionar nas vías públicas e sen atender á capacidade económica de cada persoa.

O resto dos partidos da Corporación preferiron evitar o debate. Tan só BN se referiu, tanxencialmente ao asunto, colgando no seu facebook as propostas que presentou hai un ano na comisión de tráfico.

Advertisements