O goberno local reclama a Fomento que amañe o Malecón para evitar enchentes

Imaxe das inundacións na Ribeira

O goberno local de Betanzos solicitou á Dirección Xeral de Estradas, do Ministerio de Fomento, que dea solución ás inundacións que desde hai anos afectan á zona de Ribeira e o paseo do Malecón, na estrada N-651. Neste lugar as mareas son cada vez máis elevadas, e segundo o executivo local, as enchentes non só teñen lugar coas mareas vivas, senón que tamén o forte vento causa problemas na zona, na que os niveis máis altos alcanza cotas de 4,21 metros.

O goberno municipal lamenta que nos últimos anos Fomento anunciase compromisos para solucionar as inundacións “sen que se executasen actuacións que minimizasen” as subidas das mareas. Malia o reproche do executivo de Ramón García, o certo é que o primeiro grande proxecto para conter as enchentes do Mandeo coa instalación de válvulas antiretorno e outras intervencións foi anunciado por el mesmo cando era concelleiro de Obras e o seu predecesor na alcaldía, Manuel Lagares en 2007 aproveitando que o seu compañeiro do PSOE Rodríguez Zapatero presidía o goberno español.

Advertisements