Emprego volve dicirlle ao goberno betanceiro que a casa sindical está cedida aos sindicatos

A casa sindical ao pouco de ser construída. 

Como era de agardar, o Ministerio de Emprego volveu explicarlle ao goberno municipal de Betanzos que non lle pode ceder a casa sindical porque está integrada no patrimonio sindical acumulado e actualmente cedida ás entidades sindicais máis representativas. Engaden que, ademais, pode ser cedida a agrupacións empresariais, como foi o caso de ACEBE cando tivo alí as súas dependencias.

A casa sindical foi tapiada a raíz dun incendio parcial no que era o andar cedido ao sindicato CC.OO., que se corresponde coa primeira planta do edificio, malia que había centrais sindicais que si utilizaban as dependencias do edificio naquela altura. O tapiado foi a resposta de Emprego tras pedir o goberno local a cesión do inmoble asegurando, en 2012, que estaba baleiro e sen uso. Casualmente, a CIG, o sindicato máis belixerante coa política de persoal do goberno municipal, organizaba neste edificio as súas reunións co persoal do Concello.

Desde entón, o Ministerio de Emprego tampouco realizou as actuacións que garantisen o uso do edificio, construído sobre unha porción do parque Pablo Iglesias, polas centrais sindicais e continúa pechado. O que deu pé a que o goberno local insistise novamente na demanda.

O goberno español proponlle ao executivo municipal como alternativa que adquira o edificio mediante adxudicación directa. Malia ofrecerse a reparalo con cargo ás arcas municipais nun comunicado de prensa, as contas aprobadas recentemente grazas ao apoio de En Marea non contemplan nin os fondos para a reparación da casa sindical nin, moito menos, para a súa adquisición. O PSOE remitiu un comunicado lamentando que o Ministerio de Emprego rexeite a súa solicitude malia ofrecerse a acondicionar o edificio e insistindo en “que nestes momentos atópase en moi mal estado”.

Advertisements