A Xunta cataloga provisionalmente a Fábrica da Luz e inicia o trámite para declarala monumento

A fábrica da luz desde a avenida da Coruña

Desde hoxe a Fábrica da Luz da Ponte Nova é monumento, dentro do patrimonio industrial. A declaración foi publicada onte no Diario Oficial de Galicia de maneira provisoria, abrindo un prazo de 18 meses para tramitar o expediente definitivo que lle outorgue protección estrutural de forma definitiva.

A orde establece un nivel de protección integral, que garanta a conservación de todos os seus elementos para o edificio da fábrica da luz, proxectada por González Villar para as Industrias Núñez. Dá, ademais, o mesmo nivel de protección estrutural, que garanta a conservación dos elementos máis significativos aos edificios anteriores do predio, o serradoiro, o pequeno edificio intermedio, embarcadoiro, piar e muro da fábrica orixinal dos Cortón de Vixoi.

 

“A singularidade deste ben vese reforzada polo lugar no que se situou, que ocupou unha xunqueira na beira da ría de Betanzos, a carón da Ponte Nova de acceso á cidade medieval” recoñece a resolución da dirección xeral de Patrimonio que recoñece que “a integridade do ben está seriamente ameazada polo seu estado de abandono, polo que se deberían adoptar medidas oportunas para garantir a súa conservación, comezando pola súa protección”.

A solicitude de proteción foi rexistrada ante a Xunta polo goberno local en febreiro deste ano, como recolle a resolución. O executivo local cumpría así varias mocións  aprobadas pola Corporación ao longo dos últimos anos, que pedían precisamente protexer o edificio para garantir o valor cultural que a Xunta, coa súa resolución recoñece. Malia todos estres acordos da Corporación Municipal nos últimos lustros, o executivo local pretendía ignorar o valor cultural da factoría para derrubar os edificios e promover bloques de vivendas, como recollen os sucesivos planeamentos urbanísticos aprobados ou deseñados polo PSOE.

A propia Xunta explica, nun comunicado de prensa, que “desde o punto de vista da relevancia cultural, a fábrica da luz da Ponte Nova é testemuño significativo da introdución da electricidade en Galicia, xa que foi unha das primeiras instalacións deste tipo que se implantaron nas cidades galegas e das que apenas quedan exemplos”. “A calidade do deseño destas instalacións fai que esteamos ante unha obra representativa da primeira arquitectura industrial galegaa” sostén o goberno galego reproducindo os argumentos que os nacionalistas repetiron insistentemente durante décadas de iniciativas interesando a proteción do inmoble que, desde onte, de maneira provisional, xa é un monumento máis de Betanzos.

A recente petición de licenza formulada por Gas Natural Fenosa, propietaria do edificio, para a demolición do edificio prendeu definitivamente as alarmas. Nun último intento de evitar a súa desaparición, o pleno do mes de xuño aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se propuña a adquisición do edificio para evitar a súa desaparición, acordando negociar coa empresa a cesión ou mesmo chegar a analizar a viabilidade da expropiación, e suspender a concesión de licenzas nesta zona. Durante as intervencións, todos os grupos políticos reivindicaron o valor patrimonial e a singularidade das instalacións co edificio construído en 1895.

Non era a primeira vez que se intentaba protexer a fábrica de luz. Ao longo dos anos houbo innumerables demandas para protexer o inmoble. Na última versión do PXOM os socialistas admitiron eliminar as urbanizacións previstas na finca para conservar a factoría nunha tentativa de obter os apoios ao plan que o resto da Corporación rexeitaba. Ao longo de varios lustros foron moitas as mocións de PP e BNG neste sentido, pero foron estes últimos quen reclamaron con máis insistencia a catalogación e recuperación da antiga fábrica de electricidade, advertindo da súa vulnerabilidade precisamente pola falta de protección patrimonial.

Catro edificios nun conxunto fabril único no país

Segundo a Xunta recoñece, a Fábrica da Luz está constituído por catro edificacións independentes asentadas sobre a mesma propiedade: o edificio principal que albergou a primeira fábrica de electricidade de Betanzos, o serradoiro, un pequeno edificio e un depósito. Á súa vez, a fábrica de electricidade está composta por dous volumes apegados, o primeiro dos cales foi construído no ano 1895 e o segundo na década de 1910. Pola súa banda, o serradoiro foi construído a finais do século XIX.

Aínda que non está acreditada a autoría dos proxectos dos edificios, pola estética industrial do primeiro volume da fábrica de electricidade, esta podería atribuírse ao enxeñeiro López-Cortón, cuxa familia promoveu o primeiro asentamento fabril na Ponte Nova. Atribúeselle ao arquitecto Rafael González-Villar, un dos profesionais máis representativos da arquitectura galega dos primeiros anos do século XX, a autoría do segundo volume cando a fábrica pasou a mans do grupo Industrias Núñez. González Villar construíu a sede do grupo, a modernista Casa Núñez, e o inmoble reproduce elementos moi presentes nos deseños do coruñés.

As instalacións representan, por tanto, unha mestura de estilos artísticos, xa que cada volume responde a unha estética particular. Así, a nave da fábrica de electricidade ten unha estética industrial; o engadido administrativo responde a un estilo ecléctico-modernista; e o resto dos edificios teñen un carácter tradicional ou popular.

As primeiras fábricas de electricidade de Galicia foron instalacións moi singulares e únicas e algunhas delas xa forman parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia coa denominación de “fábrica da luz”. É o caso das existentes na cidade de Lugo, na parroquia de Santa Cruz de Lesón (Pobra do Caramiñal) e a Casa de Máquinas (Santiago de Compostela). No que respecto a aos serradoiros de madeira, están representados no Catálogo o de Maceira (Covelo) e o de Tal (Muros). Ningunha delas, porén, combina luz, vidro e ferro como a betanceira.

Advertisements