O goberno local pide á Xunta que amañe algunha outra das súas casas no Casco Histórico

Plano para a rehabilitación da segunda casa gótica, cedida polos Romay á Xunta

O alcalde, Ramón García Vázquez, mantivo unha conversa co director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)  Heriberto García, para repasar distintas actuacións que levarán a cabo ambas administracións no centro histórico da cidade. O responsable do IGVS confirmou que a Xunta xa ten adxudicadas as obras de rehabilitación de tres das dez vivendas adquiridas no centro histórico e que agora só resta que as empresas encargadas de executar os traballos completen os trámites administrativos. Trátase das vivendas situadas na rúa Clérigos 13 e a rúa da Cerca 9 e 13.

O primeiro edil amosou a súa satisfacción porque a Xunta comece estes traballos, despois de anos de espera, mais pide á Xunta que “inclúa algunha outra actuación con cargo a este mesmo ano”. “O que pedimos é que haxa un cronograma e que se programen os prazos e anualidades para o resto de vivendas”, asegura o rexedor nun comunicado de prensa.

O alcalde trasladou tamén ao IGVS que o Concello acometerá a mellora da rúa da Cerca, polo que poderían coincidir as obras das vivendas co proxecto de acondicionamento da vía. Neste sentido, manteranse reunións técnicas para coordinar o desenvolvemento de ambos os proxectos.

Advertisements