Cincuenta persoas nas dúas primeiras viaxes turísticas da Diana Cazadora

A embarcación municipal, Diana Cazadora

Cincuenta persoas participaron nas dúas primeiras viaxes turísticas da Diana Cazadora, a embarcación municipal. A concellaría de Turismo sostén que este programa é unha das novidades para este verán con paseos polo río ata os Caneiros. A contratación dunha empresa privada para realizar este servizo- que o pasado ano se realizaba cunha patroa contratada, non sen polémica, directamente polo Concello- ten levantado críticas de sindicatos e oposición. O buque ten cabida para 50 persoas, polo que a estrea foi máis ben discreta.

Esta actividade desenvolverase todos os martes e xoves durante os meses de xullo e agosto agás do 14 ao 25 de agosto, durante festas patronais. A embarcación parte ás 11:00 horas do Paseo da Tolerancia. Desde media hora antes as persoas interesadas poderán adquirir a entrada para o que terá que haber un grupo mínimo de 10 persoas adultas. O prezo é de 5 euros para adultos e 1 euro para nenos/as de catro a doce anos. A capacidade máxima da viaxe é de 55 persoas. As persoas interesadas tamén poden inscribirse na Oficina de Turismo ou chamando ao 981 776 666. Ao longo do percorrido, os e as participantes coñecen aspectos da fauna e flora, a historia da cidade vinculada ao río; o cultivo do viño e distintos aspectos da Reserva da Biosfera.

Para difundir esta actividade, que está a espertar moito interese entre os turistas, a Oficina de Turismo remitiu información a outras oficinas da provincia como A Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago; ademais da comarca da Coruña e Betanzos e diversos municipios da zona de Costa da Morte, a Mariña de Lugo, e Ferrolterra.

Advertisements