O goberno local chama a participar nunha nova edición dos “Caneiros en Familia”

O chiste de Xosé Tomás sobre os Caneiros no globo de 2015 establecendo unha dicotomía sobre as formas de gozar dos Caneiros

O goberno local convocou para o vindeiro sábado 5 de agosto unha nova edición de “Os Caneiros en familia”, unha iniciativa coa que asegura pretende promover unha xira para que os betanceiros gocen dun día especial cos seus familiares a beiras do Mandeo. Segundo a concelleira de Eventos, Mónica Carneiro, o obxectivo é difundir “os valores e tradicións características desta romaría” e evitar que se desvirtúe. “Todos os betanceiros debemos dar mostra de como deben celebrarse as xiras dos 18 e 25” asegura nun comunicado.

Como o ano pasado, faranse viaxes desde a Tolerancia ata o campo dos Caneiros na embarcación municipal Diana Cazadora. As inscripcións para participar nestes desprazamentos pódense formalizar no Liceo ata o 2 de agosto. O Concello programa viaxes ás 11.30, 13.00, 14.30 e 16.00 horas, como na anterior edición, pero non descarta aumentar a frecuencia se a demanda é maior. O Concello espera que tamén participen nesta iniciativa outras lanchas.

De onde saen os “Caneiros en familia”?

A utilidade das hemerotecas está fóra de toda dúbida e resultou imprescindible para elaborar esta reportaxe. Corría o ano 2000 e a xira do 25 remataba de forma tráxica, coa morte por afogamento de dúas persoas. A raíz de aí as propostas e o anuncio de medidas se sucederon. As autoridades anunciaban tornarse moito máis esixentes con que as embarcacións cumprisen a normativa náutica e, naquel clima, o PP mesmo reclamaba que se obrigase ás lanchas a retornar co sol aínda brilando no ceo de agosto para evitar accidentes.

As propostas eran recollidas polo goberno municipal- naquela altura, encabezado por Manuel Lagares e con maioría absoluta do PSOE- mentres os nacionalistas advertían da necesidade de adoptar medidas adicionais como retirar elementos perigosos do cauce do río. Advertían tamén de que a singularidade de moitas das embarcacións participantes na orixinal romaría faría moi difícil cumprir coa estricta normativa – vaticinio que se demostrou coa desaparición dos vehículos flotantes, avións e barcazas extravagantes construídas sobre catamaráns caseiros a base de bidóns e decorados como parrulos, autobuses e un longo etcétera.

En setembro de 2003 o PP leva o asunto a pleno propoñendo uns “Caneiros Infantiles”. É o precedente dos “Caneiros en familia” e a proposta non cae ben ao goberno do PSOE, que non a apoia. Os conservadores sostiñan que con esta proposta podería recordarse como era a xira primitivamente. “Los niños de hoy sólo tendrán en su retina la imagen de Os Caneiros al estilo de lo que se hace ahora. Lo cual sería lamentable” aseguraba María Dolores Faraldo naquela altura.

Sen embargo, non foi Faraldo cando gobernou a cidade quen puxo en marcha esta proposta do PP. Foi un estreito colaborador do mesmo Manuel Lagares que desbotara a idea, Ramón García. E tampouco exento de críticas a pesar de que a proposta si foi ben recibida polo PP. A fin de contas, e como demostra a hemeroteca, era súa.

Advertisements