O Supremo tumba o PXOM de Abegondo pola excesiva previsión de vivendas

Imaxe da proposta do goberno para ordenar a zona do Centro de Abegodo

Xunta e Concello de Abegondo veñen de perder o recurso de casación ante o Tribunal Supremo co que pretendían salvar o Plan Xeral abegondés, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulara en 2012. O Supremo ratifica así a anulación do plan xeral dictado polo alto tribunal galego e deixa sen efecto o planeamento promovido polo goberno local do PP.

O fallo do Supremo avala a valoración do Superior e subscribe a consideración de que o incremento de vivendas proxectado, 2.622, é “desproporcionado”. Á hora de anular o PXOM, o Supremo rexeita os argumentos expostos pola Xunta e o Concello, que se baseaban en que o TSXG non motivaba a sentenza coa que anulaba o planeamento.  O Alto Tribunal galego concluíu que “o incremento previsto de 2.622 vivendas non alcanza o nivel mínimo de xustificación esixido” pola lei. “A sentenza [de instancia], analizando datos do PXOM, compara vivendas situadas no municipio en 1991 (3.037) e 2009 (3.348), isto é un incremento dunhas 300 vivendas en dous anos”, e recolle que no mesmo periodo de tempo que “a poboación descendeu de 6.165 a 5.798 habitantes”, asegura no seu fallo o Supremo. Na súa sentenza, avala a resolución do Superior ao facer referencia á “desproporcionalidade de tal crecemento e á irracionalidade do mesmo, xa que iso implicaría triplicar a poboación no horizonte temporal de 16 anos, un incremento de máis de 10.000 habitantes en 16 anos, en relación cos menos de 6.000 da actualidade”, dicta a sentenza.

O fallo dicta que o “desproporcionado incremento incide decisiva e negativamente na viabilidade económica do PXOM”. Os maxistrados resolven que “a sala de instancia, de forma clara e fundada, e sen absurdos de ningunha clase, analiza o contido do expediente administrativo e os diversos informes fundamentando as razóns que a levaron a tal conclusión”. “Non estamos en condicións para alterar as conclusións”, reza o fallo, que “asume e comparte, na súa integridade, o proceso de valoración”.

A sentenza avala tamén o rexeitamento á clasificación de núcleos de San Tirso e San Marcos como urbanos. Subscribe a carencia de servizos, a ausencia de consolidación e a falta de integración na malla urbana”. Enriba da mesa, e en base a esta calificación, queda agora un plan parcial para San Marcos que recurriu o BNG, sen representación, alertando da inseguridade xurídica que supuña tirar adiante co desenvolvemento en tanto non se resolvese a situación do PXOM ou este fose anulado. Un escenario que, de súpeto, tense tornado en realidade.

Advertisements