A Deputación sufraga a rehabilitación e iluminación do campo do Xestal, en Monfero

Campo de fútbol da Cortella en Coirós

A Deputación da Coruña financia a rehabilitación e a iluminación do campo de fútbol do Xestal-San Fiz en Monfero cunha achega do 80% do orzamento a través de dous convenios por un total de 156.811,69 € para un proxecto que completará o orzamento por medio do Plan único de concellos. O deputado Xosé Regueira e o alcalde Andrés Feal asinaron o acordo de financiamento. O deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira (BNG) e o alcalde do Concello de Monfero, o socialista Andrés Feal, asinaron os convenios polos que a Deputación compromete un orzamento de 156.811,69 € para o financiamento das obras de acondicionamento, rehabilitación e iluminación do campo de fútbol do Xestal-San Fiz.

O proxecto conta cun orzamento total de 201.718,89 euros que dotarán ao campo de fútbol do Xestal, en Monfero, dun novo terreo de xogo de herba natural e un sistema de iluminación que permita un uso máis intensivo desta instalación deportiva. A Deputación achegará directamente o 80% do orzamento total de ambas obras (156.811,69 €), mentres que o 20% restante financiarase con cargo ao Plan único (44.906,72 €), segundo decidiu a corporación municipal de Monfero no pleno ordinario do 30 de xuño.

As obras consistirán na substitución no terreo de xogo deste campo de fútbol, que na actualidade é de terra e area, e que precisa ser renovado pola deficiente filtración de auga que presenta e pola escasa compactación do terreo, o que ocasiona dificultades para a práctica deportiva cando chove e pode provocar lesións nos futbolistas. Dos máis de 200.000 euros que a Deputación investirá para mellorar o campo de fútbol do Xestal, 68.203,90 destinaranse a instalación dun novo sistema de iluminación do terreo de xogo, o que permitirá un uso máis intensivo del tanto para adestramentos como para partidos.

O proxecto inclúe a instalación de catro torres de 16 metros de altura nas esquinas do perímetro de xogo, con catro proxectores de 2.000 w en cada unha delas, o que permitirá unha iluminación óptima para o desenvolvemento da actividade deportiva.

Advertisements