O goberno local amplía prazo para anotarse aos campamentos de verán por baixa demanda

Imaxe do CEIP Vales Villamarín

O prazo de inscrición para os campamentos de verán municipais para nenos/as de 3 a 12 anos amplíase ata o vindeiro luns 24 de xullo, xa que quedan 17 prazas vacantes para a terceira quenda, que se desenvolverá do 31 de xullo ao 11 de agosto. Todas as inscricións realizaranse nas oficinas municipais do edificio do Liceo ou no edificio de Servizos Sociais e deberá achegarse fotocopia do cartón sanitario do ou da neno ou nena.

Unha vez realizada a inscrición e para confirmar praza é preciso abonar ata o 26 de xullo a cota de 50€ na conta do Banco Sabadell. Indicando nome e apelidos do neno/a e como concepto “Campamento de verán Betanzos de cerca 3ª quenda”. O xustificante de pago da cota debe entregarse á empresa encargada do campamento, Osíxeno Xestión, o día da reunión informativa para as familias, que terá lugar o 26 de xullo ás 20,30 horas no Salón Azul do edificio Liceo.

Baixo o lema “Betanzos de Cerca” os campamentos de verán do concello están destinados a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Este ano os/as pequenos/as realizarán excursións á praia, ao Aquapark de Cerceda, andarán polo Camiño de Santiago e mesmo darán un paseo en barco polo río Mandeo. A oferta complétase con actividades de cociña, xogos, yincanas, arte, sendeirismo e natureza. Tanto a igualdade como a normalización lingüística estarán presentes de maneira transversal e en actividades específicas. Os campamentos terán lugar no CEIP Francisco Vales Villamarín.

Advertisements