A Audiencia Provincial abre xuízo a Faraldo por presunta prevaricación e falsidade documental no “Caso Conservatorio”

Faraldo, entre Feijóo e Rajoy, nun paseo por Betanzos. Imaxen do blog Betanzos Forever

A exalcaldesa e exdeputada do PP María Faraldo sentará no banco dos acusados da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña en febreiro do próximo ano. A Fiscalía acúsaa de cometer un delito de tráfico de influencias e outros continuados de falsiedade en documento oficial e mercantil pola contratación dun profesor do Conservatorio de Música de Betanzos en 2009. O Ministerio Público asegura que María Faraldo aprobou a contratación sen ampararse nun aumento das matriculacións no centro docente e malia que era coñecedora da imposibilidade xurídica de incorporar en termos laborais a un novo profesor de música por non existir praza vacante nin orzamento, tal e como advertiu no seu día o secretario municipal.

Segundo a acusación, para sortear estas dificultades e dar satisfacción ás pretensións do director, a entón alcaldesa presuntamente pactou co mestre un contrato verbal de prestación de servizos en calidade de reparador e afinador de instrumentos musicais, como autónomo. O imputado facturou ao Concello en concepto de mantemento e reparación instrumental a razón de 29 euros a hora ao redor de 7.000 euros, entre outubro de 2009 e decembro de 2010. Un informe xurídico puxo de relevo esta situación anormal e derivou en que a Corporación acordase denunciar á rexedora. O director do Conservatorio e da Banda e o profesor-reparador foron tamén denunciados e serán xulgados xunto coa exrexedora.

Tras a denuncia do Concello o asunto seguiu o seu trámite, ata que tivo que saltar ao Tribunal Superior de Xustiza porque Faraldo, malia ter xa a causa admitida a trámite, concurriu na candidatura do PP ás eleccións ao Parlamento en postos de saída e tomou posesión como deputada. O TSXG tomou a causa e comezou a instrución da causa porque Faraldo tiña a condición de aforada, pero ao deixar o seu posto no Parlamento galego tras facerse público o prego de acusacións da Fiscalía, que pedía o procesamento de Faraldo pola “eventual comisión dos delitos de prevaricación administrativa e falsedade en documento oficial e mercantil” pola contratación dun profesor do Conservatorio por un “concepto irreal” para “satisfacer as pretensións do director” do centro. Ao deixar de ser aforada, o TSXG derivou o seu caso ao Xulgado de Instrución número 3 de Betanzos. A investigación concluíu e a Audiencia Provincial da Coruña comunicou o mércores a data do xuízo. A vista celebrarase os días 6, 7 e 8 de febreiro de 2018 no edificio xudicial da antiga Fábrica de Tabacos se ningunha das partes non recorre o auto.

O PP tratara de retirar o avogado penalista do Concello, que exerce acusación particular

Faraldo entrando aos xulgados de Betanzos

O aforamento foi denunciado polo BNG como unha manobra para evitar o xuízo, pero non foi a única trécola do PP para evitar a Faraldo sentar no banco. En xullo de 2012, como informou naquela altura Xornal de Betanzos, o PP presentou unha moción para que o pleno despedise ao avogado penalista que está a levar a denuncia do Concello contra a aexalcaldesa polo “caso Conservatorio”. O PP defendía o aforro que supoñería para o consostorio prescindir do penalista argumentando que tiña un asesor xurídico xa na plantilla de modo que “os 8.000 euros que vai custar sexan destinados para outro fin”. A propia Faraldo, interesada no tema, foi quen defendeu a proposta do PP que buscaba beneficiar a súa posición co debilitamento da defensa dos intereses do Concello. CxB, xa sen representación e que no seu día dera traslado do polémico informe do secretario á Fiscalía pola súa conta, apoiou sorpresivamente a proposta do PP para debilitar a defensa nos tribunais do Concello de Betanzos. Pedro Gómez- concelleiro de Cultura no momento dos feitos enxuizados que mesmo deu a súa sinatura a unha das facturas presuntamente falsas- invocaba a crise para apoiar a proposta do PP de prescindir de letrado especializado.

O BNG defendeu que o Concello continuase contando cos servizos do letrado especializado toda vez que o avogado municipal advertía a súa falta de especialización para correr con este tipo de pleitos penais. “O debate non é o aforro, é a comenencia do PP para facilitar a defensa de María Faraldo”, denunciou o voceiro dos nacionalistas, Henrique del Río. “É unha cousa de comenencia que non dignifica a política” advertiu, “de comenencia mesmo persoal”. “Con estas actitudes faise certa a frase de que ‘non hai pan para tanto chourizo’” espetou á par que reclamaba a dimisión de Faraldo por estar imputada e aferrarse ao cargo.

O goberno local, en mans do PSOE, advertiu que non ía cumprir a moción porque supoñería facer “fraco favor” aos intereses do municipio. “O PP trata de ocultarse detrás dunha demagoxia económica” advertiu o voceiro do PSOE, Antonio Vázquez Lorenzo. O alcalde, Ramón García, apoiou a postura do seu grupo advertindo de que os informes municipais que levaron a Faraldo ao banquiño eran “suficientemente graves”.

Advertisements