Arriva presenta un cambio de nome e imaxe corporativa en Betanzos

Un autobús cara a zona escolar, por diante do parque Pablo Iglesias

En pleno conficto coa Xunta a conta das concesións de liñas de transporte, Arriva, que opera en Galicia desde que en 1999 mercou IASA e outras empresas de autobuses, elixiu Betanzos para presentar publicamente a súa estratexia para consolidarse no mercado galego e mais a súa nova imaxe corporativa. A empresa anunciou que ten previsto investir 120 millóns na comunidade ao longo dos próximos cinco anos. Boa parte deles, para a modernización da súa flota. Juan Ignacio García de Miguel, conselleiro delegado de Arriva en España, indica que en Galicia a compañía move 220 autobuses e máis de cinco millóns de viaxeiros cos seus 290 empregados, o dobre que fai dous anos. García de Miguel avanzou que o obxectivo de Arriva é converterse no primeiro operador privado de España. Unha meta que pasa antes por ser o principal de Galicia.

Ao longo destes últimos anos, a empresa de transporte cimentou o seu crecemento coa adquisición doutras firmas máis pequenas, como Aucasa e Santiaguesa Metropolitana, o ano pasado; ou dos activos do grupo Autocares Vázquez, o pasado mes de xuño. Unhas operacións que permitirán á compañía incrementar un 20 % a facturación en Galicia, que agora rolda os 20 millóns de euros. Unha expansión que, de momento, non continuará, segundo o director xeral. A compañía de autobuses presentou nova imaxe e nome: deixará de chamarse Arriva Noroeste para converterse en Arriva Galicia. Unha transformación que levará nos próximos meses a un cambio de rótulo na totalidade da súa flota e a renovación de parte dos vehículos. Confían en facerse cun bo lote de concesións de liñas cando o conflicto desatado pola Xunta co seu novo plan de transporte por estrada amaine.

Advertisements