Santiso culpa á Xunta e a plataforma contra o PXOM da súa anulación polo Supremo

José Antonio Santiso Miramontes é o alcalde de Abegondo e presidente do Consorcio

A culpa de que o Tribunal Supremo anulase o Plan Xeral de Abegondo é de quen recurriu a aprobación do documento urbanístico a causa da excesiva previsión de vivendas e da Xunta, que aprobou definitivamente o documento. E se acaso, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que deu a razón a quen recurriron o documento. Pero non do goberno de Abegondo. É o que veu dicir onte o alcalde e exconselleiro do PP José Antonio Santiso Miramontes no pleno cando lle exixiron explicaciónsdesde a oposición. O alcalde culpou directamente exconselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e actual voceiro do PP na Deputación, Agustín Hernández, como responsable da aprobación definitiva do PXOM anulado pola Xustiza.

Santiso acusou tamén aos integrantes da plataforma que recurriu o PXOM nos tribunais como responsables do fallo e indicou que a única responsabilidade que asumirá será a de aprobar un novo PXOM para o que, anunciou, aproveitará moito do recén anulado pola Xustiza. Iso si, advertiu xa que pretende seguir adiante coa ordenación prevista no plan especial de San Marcos, para o que buscará apaños coa Xunta. O fallo considera “desproporcionado” o crecemento previsto e rexeita clasificar como núcleos urbanos San Tirso e San Marcos por carecer dos servizos necesarios e a consolidación e integración na malla urbana.

Advertisements