Fotodenuncia: o voceiro do PP cólase como autoridade noutro acto da Dirección Xeral de Xuventude

Un lector envía esta imaxe denunciando novamente a presenza do voceiro do PP nun acto institucional da Xunta como autoridade

A raíz de publicarmos unha imaxe do voceiro do PP nun acto institucional no que participaba a directora xeral de Xuventude, un lector nos remite outra instantánea da pasada fin de semana. Na praza do Campo a Dirección Xeral de Xuventude concluía o periplo dunha furgoneta que conmemora o programa Erasmus. O departamento da Xunta enfatizaba que desde 2010 participaron case 8000 mozos de entrer 13 e 30 anos neste programa cun total de 320 proxectos e 5,3 millóns de euros.

O noso lector denuncia que a directora xeral, a betanceira Cecilia Vázquez, asegura ao compartir a foto que estivo o edil de mocidade betanceiro, Andrés Hermida, que non aparece na imaxe. E que dá “categoría de autoridade” aos voceiros do PP en Betanzos e Bergondo, “o senador José Angel Rodriguez” e “a diputada* Autonómica Soraya Salorio”, respectivamente, para xustificar a súa presenza na instantánea.

A imaxe do edil do PP é xa a tónica habitual nas visitas dos distintos responsables da Xunta e singularmente da Directora Xeral de Xuventude, vicepresidenta local do PP. Así, o PP mestura Xunta e partido para tratar de dar a coñecer ao seu portavoz entre a franxa máis nova de idade, utilizando actos institucionais e centros educativos. Por descontado, ningún dos representantes dos outros grupos da Corporacion betanceira foi convidado.

Advertisements