Miño subirá o IBI e a basura no Plan Económico que Oroza se resistía a aprobar

Ricardo Sánchez Oroza, alcalde de Miño, o día da presentación da súa candidatura, a da “verdadeira esquerda”

Finalmente, salvo  sorpresa, haberá plan económico-financeiro en Miño a pesar da reiterada negativa do rexedor. E a pesar de canto dixo, será para subir o IBI e a taxa do lixo. Iso se o aproba a Corporación, algo que dado que é proposta do goberno local coaligado de PP e Miño Plataforma Aberta debería estar garantido, en teoría. O documento sinala as medidas que o Concello debe poñer en práctica para poder facer fronte á débeda contraída cos expropiados pola macrourbanización de Fadesa, segundo o goberno local “imposto” polo Goberno central.

Isto, aseguran, obriga ao executivo local a facer subas “de carácter puntual e temporal” dos seus tributos, concretamente a recollida do lixo e mais a contribución. A primeira  arrastra un déficit de case 63 000 euros “herdado de anteriores mandatos”, apunta o Executivo de Miño, como se non estivese maioritariamente ocupado polo mesmo PP que gobernou nas lexislaturas anteriores. Isto obriga a unha suba do 12,64% o custo do servizo e trasladarllo aos veciños, que se traducirá en 10 euros máis por veciño nas contas que bota o bipartito PP-MPA:

A suba da contribución será do 9,1%. O Concello compara a subida coa de municipios limítrofes como Paderne e Ares, de maneira que se o recibo medio do ano 2015 sinalaba un pago de 167,86 euros, o de 2018 establecerá o abono de 183,12 euros, “o que se traduce nun incremento de 15,26 euros para todo o ano”. Sostén o executivo que permitirá fraccionar en dous o pago deste recibo e que incorporará os criterios sociais que poidan asumirse legalmente, como os previstos no caso de familia numerosa. Anuncia, igualmente, que tamén haberá un IBI discriminado para segundas residencias e vivendas propiedade de bancos.

O bipartito insiste en que a suba dos tributos será “temporal” e que restablecerá os valores cando concrete outras fontes de financiamento ou modifique o prazo de devolución do préstamo solicitado para asumir a débeda. Grazas a un “profundo axuste interno”, aseguran PP e MPA, o goberno local conseguiu aforrar 717 000 euros ata o 31 de decembro de 2016, cantidade que destinou íntegramente a pagar a débeda cos expropiados por Fadesa que subsidiariamente abona o Concello.

Advertisements