A Fiscalía pide 4 anos e medio de cárcere para a exalcaldesa María Faraldo

Faraldo entrando aos xulgados de Betanzos

A Fiscalía reclama que a exalcaldesa de Betanzos e exdiputada no Parlamento galego do PP, María Faraldo, sexa condenada a catro anos e medio de cárcere, ao pago dunha multa de 5.760 euros e a catro anos de inhabilitación para emprego ou cargo público. A Fiscalía impútalle un delito continuado de falsidade en documento oficial e mercantil e un delito de prevaricación administrativa pola contratación dun profesor do Conservatorio de Música de Betanzos en 2009.

A presión política derivada deste caso provocou a dimisión da deputada do Partido Popular en xullo de 2014, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidira procesala pola contratación dun mestre por un “concepto irreal” -reparador e afinador de instrumentos musicais- para “satisfacer as pretensións do director” do centro. O director da escola de música e o mestre contratado tamén serán xulgados. Para o profesor contratado a Fiscalía reclama unha condena de 21 meses de prisión e o pago dunha multa de 3.600 euros, mentres que para o director da escola esixe tres anos e medio de cárcere, sete de inhabilitación para emprego ou cargo público e unha multa de 5.960 euros.

A instrución deste caso comezou no TSXG porque Faraldo tiña condición de aforada como deputada do Parlamento galego, unha vez que deixou o seu posto no Parlamento, o caso foi derivado ao Xulgado de Instrución número 3 de Betanzos conseguindo así retrasar a instrución do mesmo.

A Audiencia Provincial da Coruña sinalou este mes a data do xuízo: 6, 7 e 8 de febreiro de 2018. A exalcaldesa defende a legalidade da relación que tiña o traballador, que fora alumno do director do conservatorio, co Concello. Faraldo subliña que este tipo de contratacións de prestación de servizos, nas que os mestres facturaban como autónomos, eran “habituais” antes da súa chegada á Alcaldía. De feito, recalca que se realizaron “polo menos en 15 ocasións anteriores” e que, durante o seu mandato, só se practicou esta fórmula na ocasión que foi investigada. Aínda que non existe informe nin denuncia ningunha anterior sobre este tema.

O grupo municipal do Partido Popular intentara mesmo que o concello despedira ao abogado que se está facendo cargo deste caso na anterior lexislatura alegando “o gasto de cartos públicos” que supuña ter un abogado privado contratado pola institución municipal.

Advertisements