A Deputación da Coruña será a primeira en implantar a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros

Parque comarcal de bombeiros de Betanzos

A Deputación da Coruña será a primeira de Galicia en iniciar o procedemento para que os parques de bombeiros sexan xestionados directamente, e non a través de empresas privadas. Así o anunciou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, tras a reunión que mantivo esta mañá na sede da Xunta de Galicia co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, o deputado de Economía e Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

“Os informes elaborados polos técnicos conclúen a viabilidade económica, xurídica e técnica da xestión pública dos servizos de emerxencias” afirmou González Formoso e destacou que “segundo o informe económico, non habería ningún incremento no custo do servizo”, aludindo á condición que estableceu a Xunta de que as deputacións asumirían calquera sobrecusto. As deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña promoven este cambio co obxectivo de “suprimir a xestión por parte de empresas privadas dun ámbito como son as emerxencias públicas, que cremos que debería ser administrado desde o ámbito público”. Así mesmo, afirmou que o cambio “mellorará as condicións laborais dos traballadores e traballadoras do sector de emerxencias da provincia” e que todo o proceso “se fará con todas as garantías para os profesionais do salvamento que se vexan afectados”.

O presidente provincial coruñés sinalou que o seguinte paso, co que xa quedará iniciado o procedemento administrativo para o cambio de modelo, será “convocar un pleno extraordinario, no cal se creará unha comisión que validará de novo a viabilidade do proxecto”. Posteriormente, as conclusións desa comisión transmitiranse ao Ministerio de Facenda, que será quen autorice ou non o cambio de modelo de xestión dos parques de bombeiros.
Formoso explicou que “este cambio conleva un procedemento administrativo e burocrático complexo, pero intentaremos lograr os prazos máis curtos posibles”, e engadiu que para iso “pedimos a colaboración da Xunta de Galicia, xa que a súa participación no consorcio é do 50%”.

Poñer baixo xestión pública os parques de bombeiros actualmente privatizados é un dos puntos do pacto de goberno subscrito por PSOE e BNG para gobernar as tres deputacións, a exixencia dos nacionalistas. A situación derivada da xestión privada dos parques desembocou nunha folga con marchas e peches nos parques de bombeiros. Os nacionalistas, que participaron en moitos deses peches, trasladaron a demanda de transformar en parques públicos o servizo a raíz desa folga, dando o primeiro paso que inminentemente culminará a Deputación coruñesa.

Advertisements