Denuncian que é a Fundación Francisco Franco quen xestiona as visitas ao Pazo de Meirás

Vista do Pazo de Meirás

A Fundación Francisco Franco asumiu a xestión das visitas ao pazo de Meirás, segundo denunciou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña(CRMH), que cuestiona “desde o punto de vista ético” que “unha entidade tan pouco obxectiva vaia a explicar a historia do pazo”.  A CRMH lembra que o pazo foi “expoliado”e avanza que impulsará iniciativas para difundir a historia do pazo e que o ben “poida revertir en beneficio de todos”.

A xestión das visitas ao pazo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta durante o bipartito a expensas do goberno municipal de Sada do BNG, recae na Fundación Francisco Franco despois de que a Xunta abrise un expediente sancionador á familia do dictador por poñer trabas para o acceso de público ao pazo. O mes pasado, a comisión de Cultura do Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de lei para instar á Xunta a que cumpra a lei e obrigue á familia Franco a abrir o pazo de Meirás durante agosto. A aprobación produciuse logo de varias queixas polas dificultades para concertar visitas ao inmoble, denunciadas polo edil de turismo sadense, o nacionalista Liss Becerra.

O presidente da CRMH, Fernando Souto, ve “incrible” que unha fundación dedicada a “difundir a figura dun dictador e un xenocida, segundo institucións internacionais”, vaia encargarse de explicar a historia do pazo. “Supoño que se pasará por encima o do espolio”, augura o presidente, que considera “un atrevemento” e “un insulto á intelixencia” que unha entidade “cuns principios tan distintos ao espírito da España constitucional” sexa a encargada de xestionar o ben que, apunta, “foi adquirido de forma ilexítima” e insiste en que “non é propiedade dos Franco, porque a propiedade é de quen paga o ben”.

Advertisements