Semana de Cine, festa hortera ou Loro Facu, citas para esta fin de semana

Mentres o Alfonsetti acolle ata este sábado as proxeccións dalgúns dos filmes de Cuerda dentro do ciclo que lle dedica a Semana Internacional de Cine de Betanzos, a oferta de lecer para este fin de semana medra exponencialmente. O sábado o adro de San Domingos despregará a súa alfombra vermella, pero a fin de semana será moito máis ca cine.

Sinestesia ofrece un concerto no Café Lanzós, ás 22:30 h. Na terraza, que é verán. Enfronte, a Libraría Biblos mantén aberta a mostra de xilografías de Sara Fonseca. Os dous animadores culturais do inverno betanceiro non queren deixar de contribuír ao lecer tamén neste xullo que remata.

O sábado, ademais da clausura da Semana de Cine, terá lugar a festa hortera que organizan varios locais hostaleiros das zonas da Cañota e o Rollo. No programa inclúen a presenza de El Dioni e a dobre de Pamela Anderson, con decoración hortera e pinchos horteras. Ao mesmo tempo, a concellaría de Xuventude organiza unha “noite de DJ” no Paseo da Tolerancia.

Xa na comarca, o domingo terá lugar unha concentración de vehículos clásicos en Santa Marta de Babío. E Miño recorda ao loro Facundo coa segunda edición do Festival El Loro Facu, con Siniestro Total, Terbutalina, Tote King, Familia Caamagno, Igloo, Ataque Escampe e moitos outros, nun programa que ten todo tipo de actividades complementarias. O festival dura hoxe e mañá e hai entrada para os dous días ou para días soltos.

E San Pantaleón das Viñas, en Paderne, celebra ao seu patrón coas orquestras  Alianza e New York hoxe e maña con  Nova Imperial e Armonía Show.

Advertisements