Betanzos, Abegondo, Carral, Coirós e Paderne inician un novo obradoiro de formación en dependencia

 

As prácticas serán no centro Pai Menni

Betanzos desenvolverá un novo obradoiro de emprego xunto cos concellos de Abegondo, Carral, Coirós e Paderne. Trátase dun proxecto, concedido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en que se dará formación a 20 persoas en dúas especialidades: promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade e atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. O proxecto foi presentado polos cinco municipios baixo o título: “A dependencia: emprego sostible”.

A través deste programa darase formación a 20 persoas desempregadas, e contrataranse tamén a outras seis persoas desempregadas para os postos de: dirección, auxiliar administrativo, titoría (psicopedagoxía, pedagoxía, socioloxía), psicopedagoxía, pedagoxía, enfermaría e traballo social.

Haberá unha parte de clases teóricas no centro de formación ocupacional e na aula de informática, e mais clases prácticas nos centros Pai Menni-Irmás Hospitalarias e no centro de Aspronaga. As xornadas serán de oito horas lectivas e prolongaranse durante nove meses, desde setembro deste ano a maio de 2018. O custo do obradoiro alcanza a cifra dos 279 959 euros.

Durante os nove meses de duración do obradoiro, impartiranse clases teóricas e prácticas a maiores sobre formación en orientación laboral, empresarial, prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental e igualdade de xénero.

Advertisements