O alcalde revisará que orquestras actúan nas festas antes de autorizalas tras o paso do Combo por Requián

Ramón García, alcalde de Betanzos

O alcalde remitiu un comunicado aos medios de comunicación anunciando que en diante analizará, cando unha comisión parroquial de festas solicite permiso para as celebracións, que orquestras van no programa. A autorización recaerá en función dos grupos que actúen. No comunicado asegura que recolle un precedente do Concello de Oleiros e que se debe aos “destrozos” acaecidos durante esta semana durante as festas de Requián- que non nomea na nota de prensa.

“Temos que reformularnos a situación. Sabemos que non é culpa das comisións de festas nin tan sequera das propias orquestas, pero non podemos permitir que a presenza dun determinado grupo ou orquesta conlleve que se produzan actos vandálicos que ao final repercuten en todos os veciños” asegura Ramón García. Para o primeiro edil resulta “inadmisible” que as festas rematen en danos no mobiliario público e deixen pintadas en pechaduras, sinais de tráfico e colectores de lixo rotos e ata danos en vehículos, tal e como ocorreu esta semana, sostén o goberno local, no transcurso das festas patronais da parroquia na que reside o alcalde.

Asegura que será preciso establecer dispositivos de vixilancia “que non son necesarios para outro tipo de grupos” ante as masas de seguidores que moven determinadas orquestras. “Os veciños non teñen por que pagar os destrozos que ocasionan determinados individuos”, conclúe o alcalde brigantino, Ramón García, sen nomear en ningún momento a orquestra á que se refire no comunicado, o Combo Dominicano.

A comisión de festas desminte as afirmacións do alcalde

Non sentaron ben as declaracións do alcalde na prensa entre os integrantes da comisión de festas. O colectivo emitiu un comunicado nas redes sociais, puntualizando que “a festa saliu con total normalidade e sin ningún altercado, foi unha festa en toda regla e comparado con outros lugares que teñen unha aglomeracion de xente similar no q suceden altercados graves,aqui houbo un comportamento exquisito de todos os asistentes, aos cales lles estamos moi agradecidos pola súa asistencia e comportamento”. Indican que se hai algún feito illado, non se debe á festa en si, senón a individuos illados. “Todos os sábados na noite de marcha de Betanzos hai destrozos e moitos mais dos que temos constancia na nosa festa…” advirten ao rexedor.

Aseguran, ademais, que teñen a “sensación” de que hai “unha persecuciòn hacía unha orquesta que todos conocemos para tapar incompetencias que veñen por outro lado. A razón é que o ano pasado con outras orquestas que non son a mencionada,tivemos mais constancia de destrozos q este ano por iso nos parece desproporcionada a información”.

Nas redes sociais, numerosos veciños cuestionaron as afirmacións do alcalde, ao punto de recordarlle que o resto do ano tamén hai destrozos e suciedade nas rúas de Betanzos.

Advertisements