A Fundación Franco cre que a súa xestión do pazo de Meirás potenciará o turismo en Sada

Vista do Pazo de Meirás

A Fundación Francisco Franco afirma que o feito de que sexa a encargada de gestionar as visitas ao pazo de Meirás, en Sada, é unha “excelente oportunidade” para “mostrar ao gran público” a “grandeza” do dictador Francisco Franco e unha ocasión para “difundir o patrimonio galego en todo o mundo”, segundo indicou onte nun comunicado. A entidade responde así ás críticas realizadas polo BNG e en Marea, que rexeitan que a fundación que ensalza a figura de Franco sexa a que gestione este recinto. O BNG xa anunciou que daba traslado do tema ao Parlamento galego ao considerar que é  “un insulto á memoria das vítimas e á dignidade de Galiza”.

“Claramente, o obxectivo da esquerda non é nin a Fundación Nacional Francisco Franco nin o pazo de Meirás, senón desgastar ao PP ao ameazalo: si cumpre a lei é fascista”, argumenta a entidade. Tamén indica que o pazo “foi doado polo pobo galego a Francisco Franco mediante suscripción pública” e que ese “xenerosa doazón” levou a que Galicia contase “coa presenza estival de quen foi xefe do Estado durante a totalidade do seu mandato, honor ao que ningunha outra rexión española tivo acceso”.

O Concello de Sada anunciou a semana pasada que enviará unha carta ao presidente da Xunta na que se ofrecerá a xestionar directamente as visitas ao pazo de Meirás. O PSOE tamén se sumou ás críticas. Considera que o feito de que a Fundación Francisco Franco gestione o pazo é unha “clara burla” ás vítimas da ditadura e unha “provocación” a toda a cidadanía.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña solicitou que se condene de xeito firme “o negacionismo dos Franco”. “Esta entidade, de non disimulado carácter fascista e práctica antidemocrática, repite as mentiras do relato totalitario do golpe de Estado do 36”, afirmou a comisión.

Advertisements