AxA pediu onte en rolda de prensa a demisión do alcalde, José Antonio Santiso, ao culpalo da anulación do PXOM

O grupo de AxA, encabezado por Fátima Insua, onte na rolda de prensa

Alternativa por Abegondo (AxA), principal partido da oposición en Abegondo, pide a dimisión do alcalde, José Antonio Santiso, trala anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) porlo Tribunal Supremo. AxA esixe “responsabilidade política” ao rexedor, ao que culpa dos fracasos urbanísticos do concello, que “logo de vinte anos, segue sen plan xeral”.

A agrupación afirma que Santiso “pasou ao despacho en precampaña a moitos veciños para prometerlles que o seu quedaría ben” e critica que agora só pretenda enviar cartas aos veciños que si poden construír, pero non aos que, trala anulación, xa non poderán edificar. AxA acusa tamén a Santiso de “mentir e manipular” ao centrar as súas explicacións sobre a anulación na previsión de vivenda -2.622 novas-, que os xuíces viron excesiva, e evitar citar o rexeitamento á clasificación como urbanos de núcleos en San Tirso e San Marcos.

A portavoz, Fátima Ínsua, engade que o rexedor mente tamén ao dicir que a maior previsión de terreos edificables abarataría o terreo cando, sostén, os polígonos de desenvolvemento encarecerían a construción para os propietarios. Incide tamén en que agora, os que si poidan construír terano que facer “como antes de haber plan, cun permiso da Xunta que pode tardar tres anos e resulta máis caro”. Sinala ademais que a urbanización de Limiñón por cuxa concesión de licenzas, entre outras, está imputado o alcalde por prevaricación, suma vivendas ao total que os xuíces ven “desorbitado”. E asevera: “Os problemas de urbanismo en Abegondo van sempre ligados á súa persoa”.

A formación estuda denunciar ou levar ao Valedor do Pobo a escasa obxectividade que, aseguran, presenta o xornal municipal Agora Abegondo. Reproba que se utilice un medio “pago por todos” para “insultar” ao seu grupo ou culpar á plataforma da anulación do plan. “Unha xeración enteira de mocidade de Abegondo foise a Carral por culpa da mala xestión urbanística de Santiso”, engadiu Insua.

Advertisements