O concello de Bergondo anuncia expoñerá en setembro o novo plan xeral

Juan Fariña (sentado), voceiro de En Marea e tenente alcalde, e detrás a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez (PSOE)

O Goberno local de Bergondo, formado polo PSOE e Anova, asegura que xa ten listo o novo plan xeral e que o expoñerá aos veciños nunha asemblea o 8 de setembro como parte do proceso de participación veciñal. Este documento substituirá ás normas subsidiarias de 1992 e xa foi presentado á comisión especial. O Executivo municipal destaca que o plan xeral aposta por promover un “crecemento sostible” que “fuxirá de grandes urbanizacións”.

O documento borrador será agora remitido polo Concello de Bergondo á Consellería de Medio Ambiente, que o expoñerá ao público durante dous meses e efectuará posteriormente o seu informe vinculante. O equipo redactor deberá entón efectuar as adaptacións oportunas e a redacción do documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) completo para posteriormente ser levado a pleno para a súa aprobación inicial. Neses dous meses de exposición ao público, os veciños poderán elevar as súas propostas e observacións ao documento.

O documento propón clasificar como solo urbano os tres principais núcleos de poboación do municipio: Gandarío, Bergondo e Guísamo. O Executivo municipal sinala que se buscará completar a malla” urbana, pero ao mesmo tempo o documento intentará preservar os desenvolvementos dos terreos con interese ambiental. Elimínanse da proposta os solos urbanizables como a Longueira, que viña recollido xa nas Normas Subsidiarias en vigor.

Como solo industrial consolidarase o polígono de Bergondo, onde se habilitarán novas parcelas no chan anexo ao parque empresarial.Consolidarase tamén como solo industrial a obra de paño e reservaranse de terreos para construír unha estrada supramunicipal que conecte o polígono de Bergondo co de Espírito Santo.

En canto aos núcleo rural, o Goberno local asegura que o plan xeral que pretende aprobar considera “sitios adecuados” Fiobre, Casal, Rois, San Vitorio e Outeiro.

Advertisements