O Bloque miñense cuestiona un plan de axuste con “impunidade para os estafadores” e “impostos e recortes para o pobo”

Olalla Barro é a portavoz do BNG en Miño

O BNG-Asambleas abertas lamenta que o goberno de Miño engane á cidadanía unha vez máis e finalmente aprobe un plan de axuste para pagar parte da débeda coas persoas expropiadas de Fadesa. “O Plan de axuste aumenta taxas e recorta servizos, exactamente o contrario do que leva dous anos asegurando que non ía facer. As taxas incrementaranse a topes máximos (subida do IBI un 25% máis), porque de cara ao 2019 as medidas adoptadas no pleno de hoxe son insuficientes, tal e como confirmou a interventora”, explicou a portavoz do BNG-AA, Olalla Barro.

“A opacidade e falta de información é total, non sabemos nada dos resultados das xestións para alongar os prazos, nin temos información do resultado da subasta de parcelas que o Concello obtivo de Fadesa valoradas en 7.5 millóns de euros nin nos explican os motivos polos que non queren pedir responsabilidades á Xunta de Galicia”, criticou a portavoz nacionalista, “moita propaganda, moita exhibición de despotismo e soberbia nos plenos e pouca información. Este goberno trátanos como súbditos e non como cidadás”.

Desde o BNG-AA recordamos que Miño é o Concello máis endebedado de Galicia, cun nivel de débeda que sextuplica o máximo legal. “Os veciños e veciñas de Miño debemos dezaseis millóns de euros a entidades bancarias e catorce millóns de euros ás persoas expropiadas de Fadesa”, indicou Barro.

“A pesar da situación de bancarrota, a pésima xestión segue. A estes 30 millóns de euros seguiremos sumando centos de miles de euros en costas xudiciais. Cabe recordar que en máis de dez anos de litixios contra as persoas expropiadas de Costa Miño Golf, o Concello de Miño leva gastado máis de un millón de euros neste concepto, acumulando unha restra de máis de dúas ducias de contenciosos no TS, todos eles perdidos”, criticou a voceira do BNG-AA.

“O goberno de Miño segue en fuxida cara adiante, continúa coa súa liña negacionista e aproveita os dous anos de carencia do préstamo e un remanente de 700.000 € para negar o evidente e enganarnos novamente, asegurando que esta subida de impostos é temporal. O certo é que en vindeiros anos imos ter que facer fronte a un gasto extra de un millón setecentos mil euros anuais nun concello cuns ingresos de cinco millóns, as contas non saen”, engadiu Olalla Barro.

“Juan Maceiras, Jesús Veiga e agora Ricardo Sánchez mentiron reiteradamente sobre a situación financeira do Concello, negaron as evidencias e tiraron cara adiante a costa de afundir aínda máis a economía do noso concello. Despois de décadas de despilfarro dos gobernos do PP, a actual corporación quere impor décadas de recortes. Recortes para todo o mundo agás para eles, que cobran salarios desorbitados tendo en conta a situación económica do concello e non teñen reparo en gastar en dietas o triplo do orzamento previsto, tal e como evidencian as contas do ano 2015. Para eles a festa continúa”, criticou a voceira nacionalista.

“A única alternativa é dunha vez por todas, admitir que a débeda ás persoas expropiadas é impagábel para o Concello de Miño, pedir responsabilidades patrimoniais aos culpábeis e esixir á Xunta que asuma a súa responsabilidade como supervisora de todo o proceso desta xigantesca estafa. Nós non temos que pagar os pratos rotos da especulación urbanística”, conclúe a portavoz do BNG-Asambleas abertas de Miño, Olalla Barro.

Advertisements