O goberno local “decreta” a fin da crise e retornará na Diana Cazadora aos Caneiros

A embarcación municipal, Diana Cazadora

A estampa da lancha municipal cargada coa Corporación e raíñas das festas rumbo aos Caneiros o 18 e 25 de agosto volverá a repetirse este ano. O goberno local anunciou que volverán a bordo da Diana Cazadora porque a situación económica do Concello permite gastar nestas cousas. O amarre da embarcación municipal ordenárao o goberno do PP de María Faraldo, que tan só subía un dos días ao campo. Co retorno do PSOE ao goberno local o amarre extendeuse ás dúas xiras, pola “crise”.

Agora, o goberno socialista decide gastar novamente nestas dúas singladuras porque, considera, xa non é preciso suprimir este tipo de gastos nas festas. Sostén que a viaxe de raíña, damas e concelleiros a costa do erario público é un “símbolo da romaría” demandado socialmente. O goberno explica nun comunicado que hai quen considera precisa a presenza da embarcación municipal nas xiras por ser precisa “presenza institucional” e sinala, entre os demandantes, ás comitivas de raíñas e damas dos últimos anos ou “colectivos”, sen detallalos.

O BNG propuxera alugar eses días a Diana Cazadora

Cando PP e PSOE decidiron deixar amarrada a Diana Cazadora os días 18 e 25 de agosto o BNG propuxo alugar a embarcación eses días, para que os cartos que deixase o alugueiro permitiran gastar menos nas festas. Ningún dos dous gobernos recolleu a suxestión. A lancha realiza agora viaxes varios días á semana, pero ata o pasado ano tan só se usaba para singladuras con entidades e colectivos locais na fin de semana, cun gasto de mantemento elevado que chegou varias veces a pleno.

O ano pasado o goberno local contratou un patrón para a embarcación sen ter a praza creada no cadro de persoal do Concello, desatando críticas do comité de empresa, a CIG, BNG e PP. Este ano optou directamente por privatizar a xestión da embarcación municipal.

Advertisements