Eliminar a chapacuña na Fonte de Unta e Soportais custará máis de 180 000 euros

As polémicas terrazas do Campo

O goberno local ten xa aberto o prazo para presentar ofertas a dous contratos de obra para eliminar a chapacuña nas rúas Ferradores e Fonte de Unta. O perfil do contratante do Concello amosa dous contratos con condicións similares tanto na execución como nos acabados elixidos. Para a rúa dos Ferradores o goberno local proxectou a “sustitución nas zonas de circulación rodada do actual pavimento de chapacuña por un
pavimento de lousas de granito de 15 cm de espesor, empregándose lousas de diferentes dimensións, dispoñéndose na maior parte da superficie de 60×40 cm, aínda que se empregarán outras dimensións nos puntos de encontro con outros pavimentos seguindo as características de deseño da zona”, segundo reza o prego de prescripcións técnicas redactado pola aparelladora municipal. “No paso de peóns existente no entronque de Porta dá Vila, Ferradores e Fonte de Unta colocaranse lousas de granito de 40x40cm, dispoñéndose nos extremos unha franxa de 50 cm de adoquín de granito aserrado de dimensións 15x10x10 cm” detalla.

Ademais, “tamén se delimitará a zona de colectores soterrados de Fonte de Unta con dúas filas de adoquín de granito, manténdose o actual pavimento de chapacuña na superficie delimitada” puntualiza. “As pezas de granito irán abuxardadas e repasadas e redondeadas as aristas de face vista, colocándose sobre unha solera de formigón de 20 cm armada con mallazo e asentadas con morteiro de cemento” matiza o proxecto aprobado polo goberno local. O proxecto sae a licitación cun importe de 83.863,45 euros, sen IVE incluído, o que fai un total, logo de sumarllo, de 101.474,77 euros.

Pola súa banda, na Fonte de Unta tamén son lousas de granito de 15 cmde grosor en distintos tamaños, e delimitando o paso de peóns con dúas carreiras de adoquín aserrado “formado por pezas de 15x10x10 cm colocados igualmente sobre solera de formigón, empregándose empedres realizados con corte de sierra para evitar superficies irregulares”. O importe da obra, tal como sae a licitación, é de 65.389,24 € sen IVE, 79.120,98 euros logo de repercutir o imposto.

En total, sacar a controvertida chapacuña colocada por orde do goberno local do PP no entorno dos Soportais cando se construíron as polémicas terrazas de obra custará outros 180.595,75 euros, sumando o custe de ambos proxectos e repercutíndolle o IVE. O goberno local asegurou que leva gastado outros 70.000 euros en diversas reparacións deste pavimento desde que García é alcalde. Súmase ao máis de medio millón de euros que custou a obra orixinal, deseñada polo goberno local do PP. Suman, entre todas, unha cantidade superior aos tres cuartos de millón de euros gastados en apenas dez anos nunha actuación que nin era necesaria nin resolveu ningún problema. Das terrazas orixinais, dúas xa foron retiradas por rexeitar os titulares dos establecementos hosteleiros contiguos a súa explotación e asumir o canon a pagar pola construcción das tarimas. Asumiu a retirada e o custo o Concello.

Advertisements