O contrato para as orquestras do San Roque aínda non está adxudicado a unha semana do inicio dos festexos

Captura de pantalla do perfil do contratante

O perfil do contratante do Concello revela que o contrato denominado “servizo privado de actuacións musicais con motivo da celebración das festas patronais Betanzos 2017”, para contratar catro orquestras para o San Roque 2017, aínda está “pendente de adxudicar”. Este portal, que debe ofrecer información actualizada e detallada das contratas municipais, ofrece información sobre as condicións que o goberno local estableceu para estas actuacións e revela que as ofertas para este contrato foron abertas o pasado 21 de xullo. Desde esa data non está actualizada a información relativa a esta contrata, pero si que se incluíron novas obras a contratar polo Concello, polo que o portal está en pleno funcionamento.

No portal de transparencia do Concello resulta imposible rastrear máis datos acerca da adxudicación ou non deste contrato. A última acta publicada da xunta de goberno local, que aprobara o prego e adxudica as obras que figuran no perfil do contratante, é do pasado 22 de xuño. Non hai maneira de ver as resolucións que o alcalde asina.

Información sobre os pregos no perfil do contratante do Concello

O prego deste contrato establece que “ten por obxecto regular a contratación das orquestras que amenizarán as Festas Patronais San Roque 2017 de Betanzos” e motiva a contratación asegurando que “o Concello de Betanzos organiza as citadas festas cos obxectivos de ofertar actividades para a veciñanza, provocar a chegada de visitantes a Betanzos e dar pulo ao interese cultural, turístico e económico da cidade”. A tal fin, o goberno local inclúe como exixencia aos licitadores ofertar catro orquestras, Panorama, Princila, Marbella e Gran Parada, que actúan en centos de concellos do país cada verán. O goberno local fixa nese prego a orde de actuación das formacións, 15 de agosto Panorama, 16 Principal, 18 Marbella e 25 Gran Parada, todas na praza do Campo desde as once da noite agás o día 16, que comezará ás dez e media.

O chamativo é que todas estas orquestras están representadas en exclusiva pola axencia Gestorke, creada en 2016, e antes representadas por Espectáculos Lito, vinculadas ao controvertido “rei das orquestras”. Polo tanto, tan só os promotores que traballan coa axencia poden presentarse a un concurso público que realmente ten bastante restrinxida a libre concorrencia. Unha opción que o goberno local xa non valorou para contratar os concertos das festas, optando por adxudicación directa a bandas elixidas en base a uns criterios que non explicitou en ningún momento.

Segundo informa Radio Pontevedra, Cadena Ser, a A rede de orquestas de Lito domina o 60% do sector en Galicia, un sector que, segundo os peritos, pode abarcar entre 4000 e 5000 persoas. Lito está acusado de estafar a Facenda máis de nove millóns de euros en só dous anos e o pasado 20 de abril acolleuse ao seu dereito a non declarar no xulgado que instrúe a causa e non contestou nin sequera ao seu avogado.

En 2015 publicitábanse as orquestras antes incluso de abrir as ofertas

O importe que o goberno local decidiu gastar nestas catro formacións ascende,segundo a información do perfil, a 49.395,04 euros sen IVE, o que fai un total de 59.768 euros unha vez engadido o imposto. O pasado ano o prezo do mesmo contrato eran de 57000 euros, polo que o goberno local incrementa o gasto neste apartado das festas. En 2015, o portal Orquestas de Galicia ofrecía os nomes das orquestras que actuarían no San Roque antes incluso de que a mesa de contratación abrise as ofertas. Naquela altura o prego non establecía os nomes das orquestras que tocarían no San Roque. A situación foi denunciada polo BNG, que levou o asunto a pleno demandando a aprobación dunhas instruccións de contratación pública para “establecer un procedemento público e transparente de presentación de ofertas para os contratos menores de obras e servizos, asegurando que se aplica a todos os contratos menores”. As instrucións, aprobadas ano e medio despois e logo doutra moción de BN exactamente no mesmo sentido, continúan sen aplicarse,.

Advertisements