De pozo medieval á fonte do soldado: a historia da Fonte de Unta

A fonte de Unta nos deseños de Martínez Santiso

A da Fonte de Unta ou do Pozo é un auga que leva dando de beber a Betanzos mesmo desde antes do seu traslado desde Betanzos o Vello en 2019. O pozo, como elemento definitorio e punto de interese ao pé do castro de Untia e causa de conflictos entre o mosteiro de Sobrado e a coroa, trufa pergameus e privilexios desde o inicio da Idade Media. E é que era a auga para surtir a poboación do castro desde que foi habitado malia estar practicamente ao mesmo nivel que a marea que subía e baixaba apenas uns metros máis aló nas brañas da Cañota.

Desa mesma capa freática alimentouse o pozo que escavaron dentro das paredes do actual mosteiro das Agostiñas Recoletas os seus anteriores ocupantes, os cabaleiros hospitalarios. E bebeu, tamén, a desaparecida fonte do Picho Carolo, de certo gusto neoclásico segundo a única fotografía conservada. De ambas, a tradición popular quería que a auga fose boa para curar os males dos ollos, segundo recollen Xesús Torres e Antón García no seu As fontes no concello de Betanzos, publicado pola A.C. Eira Vella.

Este vello pozo, do que aínda se conservan fotos, foi variando a súa fisonomía desde finais do século XIX, a onde chegou aínda coa estampa, aparentemente inalterada, do pozo medieval de escasa profundidade que recollen pergameus e documentos do arquivo municipal. Esta escasa profundidade, ao parecer, motivou que se entendesen as súas augas como infectadas ou malas para a saúde, como se lle criticaba tamén á fonte do Picho Carolo e que, en definitiva, ocasionaron o seu desmantelamento. Ademais do encharcamento que no entorno producía, a calidade da auga víase resentida, documentan Torres e García, porque no pozo se introducían todo tipo de olas e recipientes para coller a auga, aparentemente contaminando o resto.

De aí, tal vez, que se ordenase gravar nalgún momento nunha canteiría “se prohibe ensu/ciar el agua del/ depto. de la fuente/ y la friega de se/llas fuera de la pila/señalada para el efecto“- actualmente ubicada como pavimento na contigua rúa do Pozo.

Martínez Santiso, inteligente de obras municipal- un arquitecto técnico ao cambio para hoxe- indica en 1931 que “foi ata o ano 65 (1865) o manancial máis usado da cidade” e relata como estaba instalada unha reixa no pilón para evitar afogamentos en caso de caída e como estaba cuberta con “armazón de madeira, pintada de vermello, a catro augas que durou pouco e que desapareceu aberá máis de corenta anos”.

Nese ano, o técnico municipal proponse amañar a fonte e rematar cos problemas de calidade da súa auga. Idea un anteproxecto para cubrir o desnivel da fonte e proxecta, sobre esta nova praza que gañaría a cidade, unha estrutura monumental que garda no interior unha roldana para subir a auga do pozo, accionada manualmente cunha manivela. Para coroar a fonte, proxecta dúas alternativas, unha alegoría da república que ese ano se proclamaba, ou ben, retomando o seu deseño da Fonte de Picachá, un templete de gusto clásico coroado polo escudo da cidade e unha inscripción alusiva á reconstrución do vello pozo medieval.

Ningunha destas reformas chegou a executarse. Si se executou outro proxecto, en 1937, para suprimir o vello pozo, derivando as augas a unha arqueta e construíndo no lugar unha fonte de cano. Cubriuse o oco que acolle a fonte con azulexos de trazado tipicamente andaluz- “cursi azulejería” diría Vales Villamarín, que naquela época avala a demolición da fonte do Picho Carolo, nun documento de 1942- e rebautizouse o conxunto segundo unha placa metálica que definía o pozo medieval como a “Fuente del Soldado. Reformada por el ingeniero municipal Don Juan Ramón Barón. II Año Triunfal”. Esta imaxe mantívose ata o tardofranquismo. Nos anos 70 eliminouse a cerámica e refíxose a fonte tratando de darlle apariencia máis medieval, que hoxe conserva. Así non foi preciso retirar as alusións franquistas que contiña. O nome da fonte do soldado aínda hoxe perdura.

O pozo, contodo, ten deixado a súa impronta tamén no rueiro da cidade. Del parte a rúa do pozo, que alude á súa primixenia configuración. E dá nome á rúa da Fonte de Unta, se ben neste caso non queda claro se é este pozo ou o desaparecido Picho Carolo. En todo caso, a súa auga si que é a que bautizou a rúa. En sentido literal, porque corría por ela ata que foi derivada ao Mandeo polo medio da horta das Agostiñas.

Advertisements