O BNG demanda que respondan co seu patrimonio os responsables da chapacuña dos Soportais

Unha terraza nos Soportais sobre a controvertida chapacuña

O BNG demandou no Pleno que o Concello exixa que responda, de ser o caso co seu propio patrimonio, “responsábeis técnicos e políticos” da obra das terrazas e a instalación da calzada de lousa na rúa dos Ferradores. “Nas últimas semanas o goberno local cuantificaba en cen mil euros o custo de substituír o pavimento de chapacuña fronte a rúa dos Ferradores e noutros 80 000 para facer o mesmo na Fonte de Unta” recordou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

As nacionalistas recordan que a chamada “remodelación” do Campo custou máis de medio millón de euros con cargo a un plan anticrise e que a esta cantidade hai que sumar, cando menos, outros 70 000 euros que, segundo o goberno local foron gastados desde 2010 en reparar o firme de chapacuña. “En total, o que se gastou diante dos Soportais nestes anos sobrepasa os tres cuartos de millón de euros, unha cantidade coa que, por exemplo, o estado do Pasatempo sería moi diferente de investirse nel”, resume graficamente o edil do BNG.

“Resulta evidente que o pavimento de chapacuña non é axeitado para o tránsito rodado de vehículos, mais houbo quen o elixiu e impuxo e quen avalou tecnicamente a escolla deste firme”, relatan desde o BNG. “Visto o que nos custou e vai custar o capricho ás betanceiras, o Concello terá que facer valer os intereses da veciñanza e trasladar o custo da ocorrencia a quen a ideou e avalou”, engaden.

“A responsabilidade de asumir o custo dunha obra mal proxectada non é da veciñanza, senón de quen a ideou e avalou”, proseguen. “Entre as diversas reparacións e a substitución da chapacuña que está actualmente en fase de contratación van máis de 250 000 euros en reparar este despropósito”, explica Del Río. Por este motivo, o BNG interpelou ao executivo local para que aclare se “vai exixir exixir que respondan por este gasto desmesurado os técnicos e responsábeis políticos da decisión” e que prazos baralla para facelo.

 

Advertisements