O goberno local gastará 20 000 euros en renovar a sinalización turística

O goberno local cualifica como “vestixio” o Mosteiro de Donas, que incluirá na nova sinalización turística

O goberno local anunciou que renovará a sinalización turística da cidade a través dunha actuación en que se investirán máis de 20 000 euros e coa cal mellorará a identificación dos puntos turísticos como igrexas, castros, santuarios, pontes, pazos, vestixios como o convento das Donas, e restos de antigas instalacións industriais. “A actuación proposta consistirá na colocación dun total de 24 sinais direccionais que serán colocados tanto na zona urbana como en núcleos rurais”, detalla o executivo local. “Trátase dunha nova actuación en materia turística, incluída nun programa autonómico, coa cal o Concello pretende renovar ou, noutros casos, sinalizar por primeira vez, e unificar os tipos de sinais, lugares de interese turístico” puntualizan.

A primeira sinalización turística de Betanzos foi instalada no Casco Histórico en 2004, pola Concellería de Casco Histórico que dirixía o BNG. Inexplicablemente, ata esa data Betanzos carecía de sinalización monumental a pesar do gasto millonario e controvertido en acudir a feiras turísticas durante anos. En 2008 o PP cambiou os sinais, eliminando referencias e imaxes como a instantánea do descurso de Lugrís no cartel do Palco, as referencias ao Reino de Galicia en varios monumentos medievais, a proclamación da II República no balcón do pazo municipal ou a visita de Lorca ao cruceiro do Azougue. Introduciu, ademais, os textos nun inglés plagado de erros, tal vez por ser obra dun traductor automático atopado en internet.

Advertisements