Betanzos terá que modificar o orzamento para incluír as subvencións á rehabilitación no Casco Histórico que rexeitaron PSOE, BeC e BN

O Casco Histórico é o principal activo turístico de Betanzos

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda aprobou onte a concesión de 156 000 euros ao Concello de Betanzos para a realización de obras de rehabilitación na área de rehabilitación do Casco Histórico (ARCH) e a zona de protección da súa contorna. Estas axudas forman parte do plan estatal de rehabilitación, polo que a maior parte da súa contía será facilitada polo Ministerio de Fomento, mentres que a Xunta, que tramita este programa en Galicia, achegará 45 000 euros.

A estas cantidades haberá que sumar as que aporten o propio Concello e os propietarios das vivendas nas que se realicen as obras. Tras a aprobación das subvencións, o goberno local debe presentar no prazo de dez días a documentación na que se detallen as actuacións que pretende desenvolver.

Precisamente no pleno do pasado 31 de xullo os votos de PSOE, BeC e BN impediron que se incorporase aos orzamentos municipais unha alegación do BNG para destinar 135 000 euros das contas municipais deste ano a unha liña de subvencións para a rehabilitación de vivenda no Casco Histórico. Este pleno foi o que aprobou definitivamente as contas pactadas por PSOE e os dous grupos de En Marea, BN e BeC.

Nesa mesma sesión aprobouse unha moción do BNG para pedir que se crease esta liña de axudas e se incluíse no orzamento. A proposta saíu adiante sen o apoio de PP- que abandonara a sesión- nin BN, cuxo voceiro asegurou que a liña de axudas que pedía o BNG “non é a solución” porque é unha “actuación illada, por moi ben intencionada” e que “se precisa unha planificación integral do Casco Histórico”.

Betanzos Novo descualificou a “partida de 135 000 euros que iba ter uns efectos escasísimos, por non decir nulos” e sostivo que “as causas polas que non se rehabilita unha casa non é unha subvención de 3000 euros máis ou 3000 euros menos”. O seu voceiro asegurou que era inecesaria esta subvención á rehabilitación por existir unha para rehabilitar en Camiños a Compostela- que como xa informou Xornal de Betanzos é incompatible coa área de rehabilitación do Casco Histórico- e outra liña de empréstitos aos concellos.

Agora, para poder optar a esta axuda, o Concello de Betanzos terá que modificar o orzamento para incluír a súa achega a esta liña de subvencións. Uns trámites que tería aforrado de recollerse inicialmente a proposta dos nacionalistas. A aportación de Xunta e Estado sobrepasa en tan só 21 000 euros a proposta realizada polo BNG nas súas alegacións ás contas e descualificada por BN, unha das marcas locais de En Marea.

Por outra banda, a Xunta non contemplou ningunha modificación nos seus plans para as dez vivendas que ten no Casco Histórico. Logo da licitación da obra de tres das dez casas, as outras sete deberán agardar por mellor sorte noutro ano.

Advertisements