Goberno e corpos de seguridade deseñan o dispositivo especial para o San Roque

Como todos os anos, o goberno local ven de anunciar que mantivo unha xuntanza para deseñar o dispositivo de seguridade para as festas. Así, anuncia que representantes do goberno local, de Protección Civil, a Policía Local e a empresa que deseña o plan de seguridade das festas patronais de Betanzos realizaron onte unha reunión de coordinación para analizar os dispositivos que se despregarán con motivo dos días principais do San Roque, fundamentalmente o 16, 18 e 25, xunto cos días nos que se celebrarán os concertos, o 14 e o 19, ante a gran afluencia de visitantes que se agardan desde o executivo local.

O principal dispositivo de seguridade é o do día 16, con motivo do lanzamento do globo de papel desde a praza Irmáns García Naveira. Como o lanzamento está dirixido pola familia Pita, tamén estivo presente na reunión de coordinación unha representación dos mesmos. Acordouse establecer un perímetro de seguridade na contorna do lugar onde se prepara o aeróstato, no adro de San Domingos e en parte da praza cara á avenida de Castela.  Restrinxirase o paso a esta zona, pois só poderán acceder persoas acreditadas que formen parte do equipo de voluntarios e colaboradores que traballan nos preparativos do lanzamento do globo.

Haberá tamén dispositivos especiais de tráfico para os días de festa: corte de circulación pola praza García Irmáns e sinalización de aparcamento gratuito noCarregal. Nas xiras aos Caneiros pídese que as motos acuáticas non traspasen a ponte Vella, río arriba, os días 18 e 25.

Advertisements