O GDR reparte oito axudas nos concellos da Reserva

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) As Mariñas-Betanzos destinará máis de 200 000 euros á realización de oito proxectos na comarca, segundo anunciou onte a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.  No ámbito da nosa comarca, pois a Reserva comprende tamén parte da comarca da Coruña, concederase unha axuda de 39955 euros para o proxecto da Cruz Vermella que pretende dinamizar a zona rural da comarca de Betanzos. O plan consiste na compra e acondicionamiento dunha ambulancia para cubrir a prestación de diferentes servizos sociais básicos.

O Concello de Sada recibirá dúas subvencións. Unha de 34459 euros para acometer melloras nas pistas deportivas, nos vestuarios e no parque infantil. Outra será de 19898 euros, destinada á conversión dunha parcela situada en Mondego nun espazo para actividades saudables e de lecer. Outra axuda, de 3423 euros, irá ao betanceiro Centro das Irmás Hospitalarias Pai Meni para o fomento da independencia en persoas con discapacidade intelectual mediante produtos de apoio e uso de tecnoloxías da información.

Estes proxectos foron aprobados pola Xunta Directiva Ordinaria do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) As Mariñas-Betanzos. A Reserva sinala que a entidade “ten a tarefa de analizar e valorar os distintos proxectos e, en función diso, o órgano directivo atribúe unha porcentaxe de axuda”.

Advertisements