Un betanceiro na corte dos incas

Sinatura de Juan de Betanzos

Ten dado voltas ao mundo a historia dun galego que, por avatares do destino, acabou na selva amazónica, casou coa filla do xefe dunha tribo e deviu en xefe da tribo andando o tempo. Unha historia para unha boa película, polo inusual dos feitos. Mais a de Alfonso Graña, o rei dos xíbaros, non foi a única historia dun galego casado cunha princesa amerindia.

Temos que remontarnos aos inicios do século XVI. En Betanzos nacía Juan Díez de Betanzos e Araos contra 1510. Din quen estudaron a súa vida que proviña dunha rama segundona da Casa de Andrade que nalgún momento por documentar aparece en Perú. Como non hai constancia do seu nome nos libros de embarque conservados, crese que fixo parte do séquito dalgún persoeiro da época, tal vez do propio Francisco Pizarro, ao que serviu.

Foi o primeiro europeo en comprender e entender o quechua, habilidade que o fixo converterse no principal intérprete e home de máxima confianza de Pizarro.O dominio do idioma veulle, de certo, por ter casado cunha princesa inca, polo que falou o quechua sendo o primeiro europeo en redactar as primeiras narracións sobre a historia do Imperio Inca, a cal bautizou como “Suma e narración dos Incas”. Anexoulle un glosario básico de palabras español-quechua, o cal podía ser utilizado por aqueles exploradores que arribaban a este territorio, e que constitúe a recolleita máis minuciosa deste lingua amerindia cando estaba no seu apoxeo.

De acordo a algúns documentos correspondentes á Real Audiencia de Santo Domingo, tense razón da existencia dun home de nome Juan de Betanzos, quen para o ano 1538 atopábase na illa de Cubagua (no territorio actual de Venezuela) cumprindo funcións de escribán, baixo o mando de Francisco de Castañeda, xuíz de residencia deste territorio colonial, e que se cre trátese do mesmo autor das primeiras crónicas sobre o imperio Inca. Igualmente, crese que no ano 1539, este escribán regresaba sobre o territorio peruano, posto que segundo continúan reportando os documentos atopados en arquivos, o seu xefe, o xuíz Francisco de Castañeda foi enviado ese ano como xuíz itinerante á cidade de Lima, así como a algunhas rexións de Nicaragua.

É nesta época, cando se presume que Betanzos abandonou as súas funcións co xuíz Castañeda, para colocarse ao servizo do explorador Francisco Pizarro, de quen chegou a converterse en home de confianza, dedicándolle o seu fiel servizo durante os dous últimos anos de vida deste conquistador, quen faleceu a mediados do ano 1541. Juan de Betanzos mantivose leal ás chamadfas Leis de Indias cando o irmán de Pizarro se rebelou, por restarlles poder aos antigos conquistadores, o que lle serviu para ser premiado por Carlos I coa súa propia encomenda.

En 1542, un ano apenas da morte de Francisco Pizarro, produciuse o matrimonio de Juan Dez Betanzos e Araos con Angelina Yupanqui,  prima e prometida de Atahualpa, o emperador inca apreixoado polos españois, e concubina do propio Pizarro. Este casamento tal vez sexa proba da habilidade política de Juan de Betanzos, porque lle deu unha gran posición, tanto cos conquistadores españois como coa nobreza indíxena.

Desde entón, Juan Díez de Betanzos participou en importantes feitos políticos do Novo Mundo, por exemplo a súa participación como intérprete na negociación ocorrida, en 1556, entre a Coroa española e Sayri-Túpac. Así mesmo, feito xa un experto en asuntos indíxenas, e contando coa total confianza do vicerrei, Juan Díez de Betanzos tamén interveu na negociación sucedida con Titu Cusi Yupanqui, irmán de Sayri-Túpac, quen faleceu abrindo paso a este novo mandatario inca.

Cara ao final dos seus días, este cronista decidiu trasladarse á cidade de Cuzco, tendo oportunidade de ver cos seus propios ollos como esta cidade deixara de ser un poboado do imperio inca, para converterse nunha cidade colonial española. Finalmente, o 3 de xaneiro do ano 1576 Juan Díez de Betanzos faleceu na cidade de Cuzco, deixando como legado importantes contribucións ao establecemento da Coroa española en chan inca, así como no ámbito histórico e lingüístico.

Pódese destacar na súa biografía, a súa obra “Suma e Narración dos Incas”. Trátase dun traballo histórico que lle encargou o Vicerrei Antonio de Mendoza no ano 1551 e está considerado o rexistro histórico máis detallado da época sobre o pobo Inca. Foi escrito en base a testemuños das personaxes máis influíntes deste pobo que deixaron un rexistro único no seu tempo, polo que ten grande detalle e profundidade. Ademais, e é o que fai único este relato, está feito desde a cosmovisión quechua e non reproduce os xuízos de parte doutras crónicas españolas da época, sen dúbida pola posición acomodada de Juan de Betanzos na nobreza local. Ademais, o glosario de quechua e a tradución ao español que engade serven como estudo lingüístico da lingua do imperio inca. Tamén existe un libreto de teatro popular titulado  “Relación da morte de Atahualpa”, que se usa nas rememoracións de captura e morte de Atahualpa, en festas populares. Sinalan como autor a Betanzos. Un orixinal manuscrito obra no Obispado de Huari.

A obra permaneceu oculta séculos, pois perdeuse en 1607 e só aparecía citada nun traballo do dominico Gregorio García. A través desta referencia Betanzos é citado por outros poucos historiadores que utilizan como fonte a copia fragmentaria do manuscrito que se atopa na biblioteca do monasterio do Escorial. En 1987 descubriuse un exemplar íntegro, pois ata esa altura coñecíanse soamente os primeiros 18 capítulos da “Suma e narración dos incas”. A historiadora española Mari Carmen Martín Louro descubriu o manuscrito completo, que consta de 82 capítulos, na biblioteca de Bartolomé March en Palma de Mallorca. Actualmente está publicada.

O cronista e lingüísta Juan Díez de Betanzos non ten na súa cidade ningún elemento que o recorde e rinda tributo á súa contribución á lingüística. Nin sequera saíu o seu nome a colación na programación conmemorativa do V Centenario do descubrimento americano que fixo naquela altura o Concello.

Advertisements