Unha xunta pro devolución do Pazo de Meirás demanda que sexa patrimonio público

Vista do Pazo de Meirás

Se unha “junta pro pazo” realizou a recadación- forzosa as máis das veces, segundo os estudosos- e compra das torres de Meirás para o dictador Francisco Franco, outra Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás demandará agora a súa devolución cara o patrimonio público. Foi un dos acordos adoptados onte nunha xuntanza celebrada na Deputación a expensas da súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín (BNG).

A realización dun informe para poñer fin á posesión pola familia Franco da propiedade do Pazo e a súa incorporación ao patrimonio, a titularidade e uso público do Pazo de Meirás é un dos acordos da reunión mantida hoxe na Deputación da Coruña que tiña como obxecto avaliar e tomar decisións a respecto da situación creada polo encargo á Fundación Francisco Franco da xestión das visitas ao Pazo de Meirás, en concordancia con iniciativas xa en marcha desenvolvidas pola Deputación da Coruña, o Concello de Sada ou as asociacións pola recuperación da memoria histórica.
A xuntanza, convocada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, respondía á situación creada despois de se facer público que a familia encargou á Fundación Francisco Franco o desenvolvemento do programa de visitas ao Pazo de Meirás, obrigado pola súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC) e as posteriores declaracións por parte da entidade confirmando que ían utilizar este mecanismo para facer apoloxía do franquismo.

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

Ademais da vicepresidenta, Goretti Sanmartín, asistiron á xuntanza o deputado e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, ademais do alcalde de Sada, Benito Portela, o concelleiro de Cultura da Coruña, Xosé Manuel Sande, o vicerreitor da Universidade da Coruña, Alberto Valderruten, e os representantes da Iniciativa Galega da Memoria, Montse Fajardo, Luis Bará e Mila Bouzón, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Carlos Babío, Erik Doaño e Manuel Pérez e o investigador Emilio Grandío, director do proxecto Xeración Perdida da Deputación da Coruña. estudar a represión nas corporacións municipais dos concellos da Coruña.

No transcurso da reunión tomáronse os seguintes acordos:
1.- Rexeitar a xestión por parte da Fundación Francisco Franco do programa de visitas ao Pazo de Meirás, apoiar a demanda do Concello de Sada de que sexa dita administración quen as xestione, e condenar as declaracións manifestadas a través dun comunicado e do seu portavoz de apoloxía do franquismo.
2.- Instar a modificación da Lei de Fundacións con obxecto de impedir a legalidade de fundacións que fagan apoloxía do franquismo.
3.- Realizar un estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre o proceso para posibilitar a súa devolución e incorporación ao patrimonio público.
4.-Reclamar a aprobación dunha Lei Galega da Memoria Histórica galega que, entre outros obxectivos, impida o enxalzamento dos protagonistas da represión e inclúa as correspondentes disposicións relativas ao pazo de Meirás e á sua posta en valor asociado á recuperación da memoria historia.
5.-Constituír con carácter inmediato unha Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás para o patrimonio público coa participación de institucións, asociacións, organizacións políticas, sociais, sindicais e fundacións co fin de poñer fin á posesión da propiedade pola familia Franco e a súa incorporación ao Patrimonio público . As institucións e entidades participantes, Deputación da Coruña, concellos da Coruña e Sada, Universidade da Coruña, IGM e CRMHC amosaron a súa intención de, previos os trámites preceptivos, se incorporar desde o inicio a dita Xunta.

Sada celebrará o sábado un pleno extraordinario

O Concello de Sada celebrará un pleno extraordinario para facer esta demanda este sábado a mediodía. O alcalde optou por convocar o pleno tras presentar o BNG unha moción que recolle boa parte destas demandas hai uns días.

Advertisements