Non perdas nada do San Roque 2017

O vindeiro luns arrancarán os festexos patronais de San Roque de 2017. Serán dúas semanas de actos diversos, en boa parte promovidos polo goberno local grazas ao incremento das partidas de gastos en festas do orzamento, mais tamén cubertos por entidades e negocios que organizan, de xeito paralelo, actividades que enchen de contido e varían a oferta do programa de festexos oficial.

A seguir tratamos de recopilar o programa oficial das festas (transcrito de xeito literal) e unilo a todos os outros actos, concertos e eventos que negocios, entidades e colectivos organizan nesta data para que non perdas detalle.

A previa: Concerto Cidade de Betanzos e a Festa da Cor nas Monxas

Desde as 10 da noite do día 13 a oxival de San Francisco acollerá o concerto Cidade de Betanzos, coas intervencións da Coral Polifónica, a agrupación de pulso e púa Carlos Seijo e a Banda Municipal, que logo dun repaso ao seu repertorio por separado acabarán actuando conxuntamente.

Antes, este venres, varios locais hostaleiros da rúa da Cañota e as Calexas organizan a Holi Festival, a festa da cor a partir das seis e media da tarde con DJ Sebas.

O programa oficial de festexos

Transcribimos a continuación o programa de festas tal como o presentou no web municipal o equipo de goberno, calcado do web municipal e coa súa redación e expresións.

Día 14

12:00 h Badaladas e repenique de campás na torre municipal. Salva de vinte e unha bombas de ordenanza que indicará o inicio das festas patronais do San Roque 2017.

Fútbol feminino
18:30 h I Trofeo San Roque de fútbol feminino entre os equipos Betanzos C.F. e R.C. Deportivo da Coruña B, no campo de fútbol do Carregal.

COROACIÓN DA RAÍÑA DAS FESTAS
20.15 h A comitiva sairá do edificio Liceo. Formarán parte desta a Escola Municipal de Folclore e o Grupo Azougue; o grupo de gaitas Os Brigantinos; as Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo con danzas de adultos e infantís de mariñeiros e labradores; a agrupación musical “Peña la uva”, da localidade de Bullas (Murcia); a raíña das Festas e a súa corte, formada polas damas de honra e os acompañantes; o pregoeiro, que será o maxistrado do Consello Xeral do Poder Xudicial JUAN MANUEL FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, a corporación local, escoltada pola garda da Policía Local e unha escuadra do rexemento de Betanzos; os alguacís seguidos de personalidades e a Banda Municipal de Música. O percorrido transcorrerá pola rúa Emilio Romay, a estrada de Castela, a Porta da Vila e a rúa do Castro ata chegar á praza da Constitución.

20:30 h Na praza da Constitución, o alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, coroará a raíña das festas 2017, a moza betanceira ALBA PÉREZ MEDÍN. Logo terá lugar a lectura do pregón e a seguir o alcalde disparará o garelazo 2017 e liberaranse pombas que simbolizan a paz e a liberdade. Unha vez rematado este acto, o alcalde e a corporación local ofreceranlle unha recepción ao pregoeiro das festas, á raíña e á súa corte na Sala Capitular da Casa do Concello. Tras finalizar a recepción a comitiva sairá para percorrer de novo as rúas da cidade ata chegar ao edificio Liceo.

ACTUACIÓN MUSICAL
23:00 h Tributo a dous dos mellores artistas españois dos últimos anos (Joaquín Sabina e Alejandro Sanz). ENTRE SABINA Y SANZ, nace da fusión de dúas das bandas tributo máis recoñecidas a nivel nacional. “Malas Compañías” ( o tributo pioneiro a Joaquín Sabina) e “No es lo mismo” (o tributo a Alejandro Sanz máis recoñecido pola crítica nacional). Eles mesmos definen este tributo conxunto como “Un paseo por la Calle Melancolía con el Corazón Partío”

00:30 h Son moitos os temas que chegaron a ser éxitos compostos polo artista que nos acompañará nesta noite de festa. “Nada de esto fue un error”, “Antes que ver el Sol”, “Otra vez”, “Bailemos”, “Nunca tendré tu amor”, “Días” ou “50 horas” foron interpretadas por el mesmo. “Donde estás corazón”, “Color Esperanza”, “Andar conmigo”, “Te quise tanto” e outras moitas foron compostas por el e interpretadas por grandes artistas como Enrique Iglesias, Diego Torres, Julieta Venegas, Paulina Rubio…

Con todos os/as betanceiros/as e visitantes facendo un repaso de todos estes temas: Coti

Día 15

COMPETICIÓN DEPORTIVA
10:00 h Ciclismo II Trofeo Festas de San Roque que consistirá na celebración de diferentes carreiras segundo as categorías establecidas pola Federación Galega de Ciclismo e unha xincana para os máis pequenos e pequenas.

Esta proba terá lugar nas zonas da avenida Fraga Iribarne, do Carregal e do Pasatempo.

CONTINUA A TRADICIÓN
12.00 h Badaladas e repenique de campás na torre municipal. Salva de vinte e unha bombas de ordenanza.

COROACIÓN DA RAÍÑA INFANTIL DAS FESTAS
18:30 h Saída da comitiva da raíña infantil das festas do edificio Liceo. Formarán parte dela a Escola Municipal de Folclore e o Grupo Azougue; o grupo de gaitas Os Brigantinos; as Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo con danzas de adultos e infantís de mariñeiros e labradores; a raíña infantil das Festas e a súa corte, formada polas damas de honra e os acompañantes; a pregoeira, que nesta ocasión será a moza betanceira CARMEN CARTELLE BARRAL;a corporación local escoltada pola garda da Policía Local; unha escuadra do rexemento de Betanzos e os alguacís seguidos de personalidades, así como a Banda Municipal de Música. O percorrido transcorrerá pola rúa Emilio Romay, a estrada de Castela, a Porta da Vila, a rúa do Castro e a praza da Constitución.

18:45 h Coroación da raíña infantil das Festas San Roque 2017. O alcalde, Ramón García Vázquez, coroará a raíña infantil, a nena betanceira LÍA MACEIRAS SÁNCHEZ. Deseguida terá lugar a lectura do pregón infantil das festas. Posteriormente, na Sala Capitular da Casa do Concello, o alcalde e a corporación local ofrecerán unha recepción á pregoeira infantil, á raíña infantil e á súa corte.

ACTO RELIXIOSO
19:25 h Saída da corporación local. As autoridades e as persoas convidadas, acompañadas pola Banda Municipal de Música, dirixiranse á igrexa de Santa María do Azougue, copatroa da cidade, onde terá lugar unha misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Betanzos. Tras finalizar esta, a comitiva de grupos folclóricos acudirá en procesión cara á igrexa de san Domingos, e portará a imaxe de Santa María. Logo, a comitiva volverá de novo á Casa do Concello.

VERBENA POPULAR
23:00 h Actuación na praza dos Irmáns García Naveira da orquestra Panorama

Día 16

12:00 h Badaladas e repenique de campás na torre municipal. Salva de vinte e unha bombas de ordenanza.

COMPETICIÓN DEPORTIVA
19:00 h No estadio García Irmáns disputarase entre os equipos Betanzos C.F. e C.D. Bullense a L Edición do Trofeo San Roque de Fútbol.

ACTO RELIXIOSO
19:00 h Concentración de conxuntos musicais e artísticos na praza da Constitución para participar no desfile da Función do Voto que terá lugar na igrexa de san Domingos. A misa solemne será de novo cantada pola Coral Polifónica de Betanzos. A comitiva oficial, presidida polo alcalde, partirá da Casa do Concello, e formará parte dela a corporación local, as raíñas das festas e as súas cortes de honra, a escuadra do rexemento de Betanzos; a Policía Local; maceiros e alguacís; a Banda Municipal de Música de Betanzos; a Escola Municipal de Folclore e o Grupo Azougue; o Grupo de Gaitas Os Brigantinos; mómaros e cabezudos; así como as Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo con danzas de adultos e infantís de mariñeiros e labradores. O percorrido terá lugar pola rúa do Castro, a Porta da Vila e a praza dos Irmáns García Naveira ata chegar á igrexa de San Domingos. Ao remate do acto litúrxico retornarán á praza da Constitución, onde cada agrupación musical e folclórica ofrecerá un tema do seu repertorio.

VERBENA POPULAR
22.30 h A orquestra PRINCIPAL animará o público como adianto ao lanzamento do monumental globo de papel. Logo da saída do aeróstato e a correspondente e tradicional queima da fachada de San Roque, así como da sesión de fogos de artificio, novamente a orquestra Principal será quen poña o broche de ouro á noite máis grande das festas do San Roque, que tan especial é para todos os betanceiros e betanceiras.

O GLOBO DE BETANZOS
23:30 h A orquestra deixará de soar. Unha bomba de palenque anunciará entre a expectación e o nerviosismo de todos os presentes, a saída do Globo de Betanzos do Cinema Alfonsetti para proceder a inchalo.

Rematado o proceso de preparación e inchado, un ano máis, o aeróstato portador da ledicia e o orgullo de todos os betanceiros e betanceiras , o globo de Betanzos (o globo de papel máis grande do mundo), atravesará a noite betanceira. Baixo a dirección dos sucesores de Claudino Pita, terá lugar o corte de amarras e o comezo do ascenso do xigante de papel.

A tradición verase cumprida un ano máis

Neste día de previsible afluencia masiva de xente á nosa cidade, a Cruz Vermella e o Concello de Betanzos porán a disposición das persoas asistentes, de xeito gratuíto, un servizo de localización de nenos/as perdidos/as entre as 19:00 h do día 16 e a 01:00 h do día 17 na praza dos Irmáns García Naveira.

Día 17

ACTUACIÓN MUSICAL
22:00 h Festival de música Brigamusic, na praza da Constitución, coas actuacións dos grupos Sickeeper, Turbo Kraks, e Jose Boulevard.

Día 18

Vista das embarcacións dos Caneiros á noite

COMEZA A ROMARÍA
12:00 h Salva de vinte e unha bombas de ordenanza. Comezo dos embarques no peirao do Paseo da Tolerancia. A Charanga NBA e a Charanga DGTanimarán os romeiros e romeiras. Xa no Campo dos Caneiros haberá animación musical e tamén estará a propia Charanga NBA, para que a festa sexa completa.

17:00 h Saída da embarcación Municipal cara ao Campo dos Caneiros coa raíña das festas e a súa corte, así como representantes da Corporación Municipal e personalidades convidadas.

23:00 h Ao regreso dos Caneiros haberá unha sesión de fogos pirotécnicos de carácter tanto acuático como aéreo na Ponte Vella.

VERBENA POPULAR
23:30 h Rematou a romaría, a festa continúa. A orquestra encargada de amenizar o resto da noite na praza dos Irmáns García Naveira será Marbella

Día 19

COMPETICIÓN DEPORTIVA
18:00 h XVI Trofeo San Roque de Veteranos de Fútbol no estadio do Carregal. O trofeo disputarase entre os equipos de Piadela, Betanzos Norte e Brigantium na modalidade de triangular.

ACTUACIÓNS MUSICAIS
23:00 h Dani Royo Versions Band , ofrecerá diferentes versións de temas máis que coñecidos do pop – rock español. Entre outros, versionarán a Manolo García, Joaquín Sabina, Alaska, Triana, Mclan, Antonio Flores, Antonio Vega, Los Secretos….

00:30 h Volven máis fortes que nunca, mais sen deixar de tocar os seus temas importantes de sempre. Xunto cos temas do seu novo álbum (El Planeta Imaginario) farán un repaso aos seus maiores éxitos de sempre: “El ultimo Vals”, “Cuídate”, “20 de enero”, “Dime”, “ Rosas”, “El 28”, “Muñeca de Trapo”, “La Playa”, “La niña que llora en tus fiestas”, “Puedes contar conmigo”… A lista dos seus grandes temas é practicamente interminable.
Por fin, nas Festas do San Roque: La Oreja de van Gogh

Día 20

COMPETICIÓNS DEPORTIVAS
10:00 h Piragüismo nas instalacións do Porto de Betanzos, puntuable para a Liga Provincial da Coruña. Está previsto que as probas se desenvolvan toda a mañá ata as 14:00 h, contando coa a participación de 300 deportistas principalmente da provincia, mais con padexeiros de toda Galicia.

11:00 h XVII Carreira popular organizada polo Clube de Atletismo As Mariñas que terá lugar polas rúas do casco Histórico betanceiro.

12:00 h Torneo de Paintball na zona do Pastempo. Equipos de 5 xogadores/as. Para participar será imprescindible realizar unha inscrición previa na Oficina Municipal de Información Xuvenil
Teléfono 981 771 300
Enderezo electrónico omix@betanzos.gal )

19:00 h No estadio García Irmáns disputarase entre os equipos Betanzos C.F. e U.D. Carral o VIII Trofeo Cidade de Betanzos de Fútbol.

ACTUACIÓN MUSICAL
22:30 h Concerto homenaxe a Xosé Neira Vilas. O artista galego que nos ocupa, ROI CASAL presenta o seu espectáculo Son Galego Son Cubano , dedicado a todos e todas as emigrantes galegas a calquera parte do mundo e en especial ás persoas que marcharon á América.

Día 21

18:00 h Xornada de prezos reducidos nas atraccións da praza dos Irmáns García Naveira. O Concello de Betanzos, en colaboración coas atraccións das festas e para o goce de todos os nenos e as nenas, pon ao seu dispor as diferentes atraccións a un prezo máis económico do habitual.

Día 22

17:00 h Festa infantil no Auditorio do Pasatempo con inchables por conta da empresa Galiocio. En caso de mal tempo ou choiva, esta festa terá lugar nas pistas anexas ao polideportivo municipal.

Día 23

17:7:00 h Segunda xornada da festa infantil no auditorio do Pasatempo con inchables por conta da empresa Galiocio. Se as condicións climáticas o permiten, esta xornada rematará coa tradicional festa da escuma. Vinde preparados/as! En caso de mal tempo ou choiva, esta festa terá lugar nas pistas anexas ao polideportivo municipal.

Día 24

Día de San Paio. Conxuntos de gaitas na romaría de Tiobre.

Día 25

COMEZA A ROMARÍA
12:00 h Salva de vinte e unha bombas de ordenanza. Comezo dos embarques no peirao do paseo da Tolerancia. Animarán aos/ás romeiros/as a Charanga NBA e a Charanga DGT. Xa no campo dos Caneiros haberá animación musical e tamén estará a propia Charanga NBA para que a festa sexa completa.

17:00 h Saída da embarcación Municipal cara ao Campo dos Caneiros con representantes das diferentes asociacións betanceiras.

23:00 h Ao regreso dos Caneiros será ofrecida na Ponte Vella unha sesión de fogos pirotécnicos de carácter tanto acuático como aéreo.

ACTUACIÓN MUSICAL
23:30 h Rematou a romaría, mais a festa continúa. A orquestra encargada de amenizar o resto da noite na praza dos Irmáns García Naveira será Gran Parada

O Café Lanzós cobre ocos da progración oficial

Un ano máis o Café Lanzós asume o reto de dar contido e ambiente festivo á “segunda semana” das festas patronais, os días que median entre unha e outra xira aos Caneiros. Así, a programación inclúe blues, rock e versións de grandes temas, entre outros xéneros, tratando de chegar a todos os públicos fronte ao programa oficial, que se queda no pop comercial nos seus grandes concertos. No escenario da antiga praza da Verdura actuarán o 21 ás 23, Love Band e Aixa Romay, o 22 á mesma hora a banda local Mr Degrees, o 23 Five on Blues Quintet e remata o 24, tamén ás 11 da noite, Gran Reserva.

Homenaxe a Antolín Faraldo

O monumento dedicado a Antolín Faraldo ten na súa parte traseira varios loureiros reais

Outra cita xa tradicional nas festas é a homenaxe a Antolín Faraldo que organiza o BNG comarcal. Nesta ocasión a cita, que se conmemora no aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda polos franquistas o 17 de agosto, móvese ao 26 de agosto, a partir das oito e media do serán. Os nacionalistas anuncian a presenza do presidente da Fundación Galiza Sempre e exdeputado Francisco Jorquera, a ofrenda floral que deu orixe a este acto, música e mais unha mostra.

O festival de Guísamo, con Xabier Díaz e Kepa Junkera

Aquí ao lado, o campo da feira de Guísamo acollerá o 26 desde a tarde unha nova edición do seu festival folk, que nesta edición homenaxea á agrupación local Os Mariñáns de Guísamo. Polo escenario pasarán Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Kepa Junkera e Sorginak e A Roda. Ademais, a cita conta con actividades para nenos e outros alicientes.

Xornal non se publicará ata o 28

Con motivo das festas patronais, Xornal de Betanzos non se editará por descanso do equipo redactor. A información voltará con total normalidade ás pantallas o vindeiro 28 de agosto, luns. Boas festas a todos os nosos lectores e colaboradores!

Advertisements