O PP denuncia a demora en iniciar as obras da Eira Vella, vallada desde agosto

A praza de Enrique IV ou Eira Vella

A finais do mes de agosto o goberno local dispuxo que a empresa adxudicataria vallase e cortase o acceso á praza de Enrique IV, a popular Eira Vella, para iniciar as obras de mellora do saneamento incluídas xa nun plan provincial de obras concedido en 2015 para executar en 2016. O PP denunciou onte que, malia esta ocupación da praza, impedindo o estacionamento aos veciños do entorno e xenerando outras molestias adicionais, os residentes “non viron nin o inicio das obras nin poden acceder á praza para poder aparcar os seus vehículos”.

A dereita sostén que o barrio da Ponte Vella é  unha zona complicada para estacionar e responsabiliza deste retraso ás “pésimas xestións municipais” porque non empezou a tempo a tramitación dos permisos.

O goberno local, en resposta a estas críticas, afirmou onte que espera contar “nuns días” con todas as autorizacións para empezar uns traballos que inclúen renovación da rede de auga, de saneamento e pluviais ademais da reparación de beirarrúas. Aseguran desde o executivo local que o retraso é culpa da burocracia, por ter que pedir permisos para esta obra ata a sete entes diferentes, entre os que cita a  Fomento, Augas, Estradas, Patrimonio, Costas ou Camiño Inglés. O alcalde xa pediu á Fegamp que se busque mecanismos para axilizar estros trámites ante organismos e xa empregou este mesmo argumento nas outras ocasións en que se cuestionou a demora en executar estes traballos.

Advertisements